O Eixo Atlántico revela nun informe a necesidade de investir 650 millóns no ferrocarril Lugo-Ourense

A Alcaldesa de Lugo destacou que o informe “pon de manifesto a necesidade de ter uns servizos de tren axeitados para o desenvolvemento da cidade e da provincia de Lugo, coa fin de eliminar as diferenzas existentes”

Campos Conde subliñou “que a provincia de Lugo está completamente discriminada no que as comunicacións se refire, xa non só no sector do ferrocarril, senón tamén nas autovías”

Xoves, 13 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Eixo Atlántico revela nun informe a necesidade de investir 650 millóns no ferrocarril Lugo-Ourense

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asistiu este xoves en Monforte de Lemos á presentación oficial do informe elaborado polo Eixo Atlántico, no que revelan a necesidade de investir 650 millóns de euros na liña de ferrocarril Lugo-Ourense nun prazo de 5 anos, para equipar os servizos da provincia lucense aos das restantes galegas.

Neste acto tamén participaron o Presidente da Deputación, Darío Campos; o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tome; o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez; e o Catedrático de Ferrocarrís da Universidade da Coruña, Miguel Rodríguez.

Lara Méndez agradeceu o importante traballo realizado neste informe, indicando que “pon de manifesto a importancia de ter uns servizos de ferrocarril axeitados co fin de lograr o desenvolvemento da cidade e da provincia de Lugo, porque precisamos dunhas infraestruturas que cohesionen o territorio e que poñan ao ferrocarril como elemento vertebrador desas conexións”.

“Necesitamos estes servizos ferroviarios, pero tamén ao tren de alta velocidade, que creo que nos corresponde, así como a intermodal, fundamental para mellorar as comunicacións entre as cidades de Galicia”, destacou a rexedora.

O Presidente da Deputación, Darío Campos, subliñou que “que a provincia de Lugo está completamente discriminada no que as comunicacións se refire, xa non só no sector do ferrocarril, senón tamén nas autovías”.

Neste senso, Campos Conde destacou que “queremos que nos deixen de tratar como cidadáns de segunda. Os lucenses non queremos máis privilexios que o resto de galegos, pero como mínimo, solicitamos ter os mesmos”.

Pola súa banda, José Tomé, demandou o compromiso de todas as administracións para atender as necesidades do ferrocarril na provincia, e remarcou que “este non é un tema local, é un asunto que compete a toda Galicia”.

Xoán Vázquez, Secretario Xeral Eixo Atlántico, asegurou que este investimento de 650 millóns de euros “é urxente, e necesario para a cohesión de Galicia, non podemos ter un país a dúas velocidades” e insistiu que “este proxecto é viable para contribuír ao desenvolvemento económico e a creación de emprego na provincia”.

Noticias relacionadas