O edil de Medio Ambiente ordena iniciar de inmediato os traballos de reparación dos danos causados na Praza Maior trala actuación do Combo Dominicano

Nunha primeira estimación, o custo do deterioro alcanza os 2.600 euros.

Venres, 11 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O edil de Medio Ambiente ordena iniciar de inmediato os traballos de reparación dos danos causados na Praza Maior trala actuación do Combo Dominicano

O concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, daba orde, a primeira hora desta mañá de iniciar, canto antes, os traballos de reparación da Praza Maior e de reposición das prantas e flores, logo de que os xardíns foran “literalmente arrasados” durante o concerto do Combo Dominicano a pasada noite.

“A valoración económica dos danos, nunha primeira estimación, ronda os 2.600 euros. O balance é desastroso: polas dos magnolios centenarios arrincadas, os setos de buxo quedaron devastados e tamén as roseiras e as begonias que, directamente, desapareceron, por sinalar algún exemplo”, lamentou ou edil quen indicou que moitas destas especies xa non se poderán repoñer por falta de stock.

Álvaro Santos quixo destacar a inmediatez coa que as brigadas de limpeza acondicionaron a contorna, nada máis rematar a actuación, permitindo que os operarios do servizo de mantemento de zonas verdes comezaran rapidamente as tarefas de restauración, labores que, previsiblemente se estenderán durante toda a xornada debido ao alcance da desfeita.

“O noso obxectivo é limpar e acondicionar a Praza Maior á maior brevidade posible para non prexudicar a imaxe da cidade nunha fin de semana na que, precisamente e por mor das festas patronais, se agarda unha gran afluencia de público”, subliñaba o concelleiro, que aproveitou para facer un chamamento ao civismo de toda a cidadanía.

“Por suposto queremos que lucenses e visitantes desfruten do San Froilán pero tamén lles pedimos que o fagan sendo conscientes das consecuencias que ten o seu comportamento con relación á conservación do mobiliario urbano e resto de elementos que se atopan na vía pública”.

O segundo tenente de alcaldesa advertiu que o emprazamento escollido nesta ocasión para un espectáculo deste tipo non foi o máis idóneo. “De feito,estruturas de semellante envergadura se trasladaron sempre a outras contornas consideradas máis apropiadas para as súas dimensións, como as Gándaras ou Augas Férreas, xa que, na Praza Maior, obrigan a ubicar o escenario de costas á Casa Consistorial e a desprazar aos asistentes, de xeito irremediable, sobre os xardíns con consecuencias tan custosas e pouco desexables como estas e máis, cando estamos a falar dun espazo de especial protección, pola catalogación dos inmobles que contén e polo paso, ao seu carón, do Camiño Primitivo. De maneira que, en vindeiras festividades, haberá que buscar outra ocupación”, concluíu Álvaro Santos.

Multimedia

  • O edil de Medio Ambiente ordena iniciar de inmediato os traballos de reparación dos danos causados na Praza Maior trala actuación do Combo Dominicano

Noticias relacionadas