O domingo 22 de xuño haberá unha nova visita guiada do programa Terras de Auga e Cultura

Mércores, 18 de xuño de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

 A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que dirixe Carmen Basadre, informa de que está aberto o prazo de inscrición para tomar parte nunha nova visita turística organizada dentro do programa "Terras de Auga e Cultura". Esta nova actividade terá lugar o próximo domingo, día 22 de xuño, e consistirá nunha ruta de temática etnográfica e a visita foi deseñada por Adega. 

O percorrido que realizarán os participantes comezará en Romeán, onde se collerá o Camiño dos Bestilleiros para descubrir sen présa as Terras do Corgo. Os participantes deteranse con calma en varias aldeas para coñecer aspectos da construción tradicional galega, especialmente dos pazos e das igrexas rurais. Ademais, percorreranse treitos da Vía XIX e visitaranse fontes milagreiras como a das Virtudes.
A organización recomenda levar comida e bebida para o xantar e vestir roupa e calzado cómodos para camiñar. 
A saída é ás 10:30 horas da zona peonil da Ronda da Muralla (á altura da Porta de Bispo Aguirre) e volta sobre ás 19.00 horas. 
Os interesados poden inscribirse a través do teléfono 010 (982 297 350 para chamadas de fóra de Lugo) ou na Oficina Municipal de Turismo-CIM (982 251 658), Praza do Campo, 11. Máis información www.lugoturismo.com. 

Noticias relacionadas