O domingo 20 de outubro realizarase unha visita do plan turístico Terras da Auga e Cultura ás parroquias de Romeán e Adai

Xoves, 17 de outubro de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, informa que está aberto o prazo de inscrición ata as 14:00 horas do sábado 19 de outubro para participar nunha nova visita turística organizada dentro de "Terras de Auga e Cultura", un programa de promoción turística da zona rural de Lugo, O Corgo e Rábade. Esta nova actividade terá lugar o próximo domingo 20 de outubro e visitarán as parroquias de Romeán e Adai.

O percorrido que realizarán os participantes comezará cunha visita á parroquia lucense de Romeán, despois farase unha andaina duns 5 quilómetros polo camiño dos Bestilleiros, ata chegar á parroquia de Adai, no concello do Corgo, realizando unha visita por esta parroquia. Despois poderán xantar en Ponte de Neira e visitar este lugar.

A saída é ás 10:30 horas da zona peonil da Ronda da Muralla (á altura da Porta de Bispo Aguirre) e volta sobre ás 18:30 horas. Recoméndase o uso de roupa e calzado cómodo para camiñar. Non son traxectos duros nin longos, polo que está recomendado para todos os públicos.

O xantar terá lugar na parrillada Ponte de Neira, que ofrecerá aos participantes menús de 10 e 15 euros. Os que o desexen tamén poden levar comida e bebidas propias.

Son visitas gratuítas e para a deste domingo, os interesados poden inscribirse ata as 14:00 horas do sábado 19 de outubro a través do teléfono 010 (982 297 350 para chamadas de fóra de Lugo) ou na Oficina Municipal de Turismo (982 251 658).

Noticias relacionadas