O dispositivo de seguridade das Noites do Caudal Fest extremará os controis na área de concertos pero tamén nas súas inmediacións

Concello de Lugo e Subdelegación coordinan nunha Xunta Local extraordinaria o dispositivo que se activará nos concertos de aforamento reducido que se celebrarán do 3 ao 20 de setembro

A alcaldesa Lara Méndez avanzou que os protocolos fixados pola COVID 19 son incluso máis estritos que os marcados pola Xunta e que se vixiará para que non se produzan aglomeracións nas zonas exteriores

Mércores, 12 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O dispositivo de seguridade das Noites do Caudal Fest extremará os controis na área de concertos pero tamén nas súas inmediacións

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, copresidiron este mércores unha Xunta Local de Seguridade de carácter extraordinario para coordinar coa Policía Local e Nacional, así como cos responsables de Emerxencias, Bombeiros, Protección Civil e Tráfico e da empresa organizadora o dispositivo que se porá en marcha con motivo dos concertos das Noites do Caudal Fest, que se celebrarán do 3 ao 20 de setembro.

Nesta reunión fíxose especial fincapé na necesidade de extremar as medidas de seguridade habituais neste tipo de eventos, “ademais de articular as máis estritas cautelas sanitarias para cumprir cos protocolos marcados pola COVID-19, que a empresa organizadora fixou sendo máis rigorosa que a mesma normativa da Xunta”, sostivo a rexedora. Por outra banda, aos controis dos concertos se sumarán tamén os das forzas de seguridade nas zonas exteriores. “Somos conscientes de que veñen grupos que atraen a numeroso público, e debemos evitar as aglomeracións nas súas inmediacións”, insistiu Lara Méndez.

Pensando na seguridade sanitaria, Lara Méndez lembrou que o Caudal Fest adopta este ano un formato diferente, moito máis reducido, con aforamentos máximos de 800 persoas en cada un dos doce concertos previstos, que se celebrarán en escenarios urbanos en substitución da contorna do río. “Debemos garantir a prevención máxima da saúde ao mesmo tempo que intentamos revitalizar o sectores cultural e hostaleiro gozando de actuacións de grandes artistas do panorama nacional, galegos incluídos”, sostivo.

Isabel Rodríguez incidiu na “gran colaboración existente co Concello de Lugo e na importancia de coordinar os efectivos e recursos dispoñibles para garantir a seguridade cidadá co obxectivo de que estes eventos transcorran sen incidentes”.

Os concertos comezarán ás 21.30 horas, evitando así o horario nocturno, e a entrada será cunha hora e media de antelación. O público estará distribuído en formato teatro con cadeiras, mantendo un espazo de 3 metros cadrados por persoa para garantir unha distancia mínima de 1,5 metros entre cada asistente.

Entre as medidas articuladas destacan, ademais, o uso obrigatorio de máscaras, entradas nominativas, circulación organizada e sinalizada en todo o recinto, carrís separados de acceso e saída, control da distancia de seguridade, tickets e control dixital (sen contacto), instalacións de puntos de desinfección de mans, amplos espazos para garantir distanciamento social, asistentes para a organización do público e desinfección continua de barras, baños e zonas de traballadores e público.

Izal, M-Clan, Amaral e Dorian serán os cabezas de cartel da terceira edición do festival urbano por excelencia de Lugo, cartel que se completará con Ana Guerra, Hard GZ, Maialen, Baiuca, Ortiga, Holywater e David Prado. Contarase tamén co humor da monologuista Martita de Graná.

Seguridade da N-VI

Outro dos puntos na orde do día da Xunta Local de Seguridade, foi a seguridade viaria na N-6 ao seu paso polo Concello de Lugo, concretamente no treito de 2,4 quilómetros recentemente cedido polo Ministerio de Transportes ao Concello.

A pesar da cesión, mantense o acordo alcanzado no ano 2017 de delimitación da demarcación territorial en materia de tráfico e seguridade viaria, no que se fixan as zonas de control por parte dos efectivos da Garda Civil e da Policía Local.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a xunta pola seguridade no CaudalFest | Descargar mp3
  • A subdelegada do Goberno de Lugo, Isabel Rodriguez, sobre a xunta pola seguridade no CaudalFest | Descargar mp3

Noticias relacionadas