O Consello local de Servizos Sociais rexeita os recortes en benestar social

Martes, 03 de xullo de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta obriga a aumentar a taxa que pagan os usuarios da axuda no fogar da que se beneficiaron no primeiro trimestre 243 persoas ó tempo que diminúen as pensións e se obriga a pagar medicamentos ós xubilados

O Consello local de Servizos Sociais acordou hoxe, por unanimidade, reclamar á Xunta e o Goberno a revisión  das novas normas que prexudican o Estado de Benestar, segundo informaron as Concelleiras de Benestar Social, Carmen Basadre, e de Servizos Sociais, Ana González.

O Consello local de Servizos Socias, que está formado polos tres grupos políticos representados no Concello de Lugo e por representantes dos axentes sociais, acordou instar tanto á Xunta de Galicia como ó Goberno central a que revisen distintas normas que supoñen un recorte nos dereitos sociais.

A aplicación dunha destas normas, o Decreto da Xunta que regula os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, terá como consecuencia inmediata o aumento na taxa que pagan os usuarios do Servizo de Axuda no Fogar.

Ata agora os servizos de Axuda a Domicilio e de atención á Dependencia tiñan a mesma ordenanza e quedaban exentas de pago as persoas con ingresos equivalentes ó IPREM, que na actualidade se cifra en 532 euros, pero coa nova norma a Xunta obriga a modificar e separar as ordenanzas polos dous servizos. No caso da atención á Dependencia mantense a mesma exención, pero no caso de Axuda a Domicilio só estarán exentos do pago da taxa os usuarios que perciban ingresos iguais ou inferiores ó 80% do IPREM e ademais aumentará o importe da taxa que pagan o resto.

No primeiro trimestre deste ano o número total de usuarios do SAF foi de 243 dos que 47 estaban exentos de pago e coa nova norma esta cifra reducirase a 34. No seguinte tramo situaranse, coa nova normativa, as persoas con ingresos que superen esa porcentaxe e non pasen do 1,5% por riba do IPREM, que pasarán a pagar de 1,60 a 4,80 euros por hora de atención. Os que perciban do 1,5% ó 2% por riba do IPREM terán que pagar entre 3,20 e 8 euros/hora. Quen teña ingresos que superen entre o 2% e o 2,5% máis que o IPREM quedarán obrigados a pagar entre 6,40 e 11,20 euros/hora e no tramo que cobre máis do 2,5% do IPREM a taxa oscilará entre 9,60 e 14,40 euros.

As Concelleira de Benestar Social, Carmen Basadre, criticou esta medida da Xunta, que non foi consultada cos concellos, porque prexudicará considerablemente a persoas que cobran pensións baixas, sobre todo tendo en conta os recortes que están a sufrir como as referidas ós pagos dos medicamentos. Ademais, manifestaron que non parece xusto tomar esta medida cando moitas persoas teñen recoñecida a dependencia pero a Xunta non lles aproga a concesión de axudas polo que teñen que facer uso do servizo de Axuda no Fogar.

Pola súa parte, a Concelleira de Servizos Sociais, Ana González, chamou a atención sobre o aumento da cifra de usuarios dos Servizos Sociais do Concello que medrou no primeiro trimestre un 21% respecto do mesmo período do ano pasado. En total, son 515 as persoas que fixeron uso da Axuda no Fogar e da atención á Dependencia. Tamén indicou o 66% dos usuarios son mulleres da zona urbana.
 
O acordo que tomou o Consello local de Servizos Sociais pide, concretamente, a revisión do Real Decreto de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, por considerar que precariza o traballo; o Decreto da Xunta que regula os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento e que se aprobou sen consenso coas administracións afectadas; o Real Decreto de medidas urxentes en materia orzamentaria que conxela a oferta de emprego público e limita a contratación de persoal laboral temporal e o Real Decreto de medidas urxentes do Sistema Nacional de Saúde que establece a obriga de facer achegas por parte dos usuarios e un período mínimo de empadroamento das persoas inmigrantes.

Multimedia

Noticias relacionadas