O Consello Local de Servizos Sociais acorda instar á creación dunha unidade social dentro dos xulgados e reforzar a unidade de saúde mental do SERGAS

Ana Abelleira puxo en coñecemento dos membros deste consello o traballo e as distintas actuacións realizadas ao longo do ano pasado dende a súa área

Muller, de 30 a 64 anos: perfil das persoas usuarias dos servizos sociais básicos do Concello, que atenderon a máis de 12.200 persoas o ano pasado

Luns, 12 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Consello Local de Servizos Sociais acorda instar á creación dunha unidade social dentro dos xulgados e reforzar a unidade de saúde mental do SERGAS

O Consello Local de Servizos Sociais acordou este luns instar á creación dunha unidade social dentro dos xulgados, unha unidade responsable a nivel xudicial de coordinación coas administracións e entidades que traballan no ámbito social; así como reforzar a unidade de saúde mental do SERGAS, para que aquelas persoas sen teito vexan reforzado o tratamento e seguimento das súas patoloxías. Así o deu a coñecer ao remate da xuntanza deste consello, que se celebrou no Salón de Plenos, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, quen avanzou que na reunión se valorou o traballo feito entre o Concello e distintas entidades, neste caso con Cáritas, Cruz Vermella e ALIAD, coas que tivo lugar unha mesa de traballo a semana pasada, "onde se materializou todo o traballo realizado ao longo do ano nos ámbitos nos que se traballa coordinadamente con elas dende sempre para mellorar a vida das persoas, tanto vítimas violencia de xénero, vítimas de trata como persoas inmigrantes ou sen teito".

Nesta reunión, Abelleira puxo en coñecemento dos membros do Consello do traballo e das distintas actuacións levadas a cabo dende a súa área ao longo do pasado ano. Deste xeito, avanzou que dende os servizos sociais básicos que ofrece o Concello se atenderon a máis de 12.200 persoas. A maioría das persoas usuarias son mulleres, un 64,43%, preto de 7.900. Por idade, o 66,80% dos e das usuarias están no rango de idade de 30 a 64 anos, seguidas das de máis de 65 anos, un 19,41%.

Prestacións por servizos

González Abelleira fixo un repaso das atencións por diferentes eidos. Así, o servizo de atención de persoas inmigrantes atendeu no 2017 a 2.551, cuxas demandas realizadas se centraron, maioritariamente, na insuficiencia de recursos, o emprego, a vivenda ou a saúde.

No que se refire ao Fogar do Transeúnte, máis de 3.600 persoas pasaron a noite nestas instalacións que ofrecen, de xeito gratuíto, aloxamento e alimentación a persoas en desventaxa social, ofrecendo máis de 2.940 almorzos, máis de 8.670 xantares e máis de 6.860 ceas. Do número de persoas atendidas 343 eran estranxeiras.

En canto ao número de persoas beneficiarias das axudas do programa de emerxencia social municipal, ao que o Goberno destinou uns 233.000 euros o pasado ano, foi de 1.465 perceptores e perceptores. O 71,19% foron mulleres, 1.043 en total, e 422 homes. Preto dun 72% do gasto total está relacionado co aluguer, seguidos dos gastos dedicados ao mantemento das vivendas -augas ou gas- (10,20%), gastos de alimentación (6,16%) e gastos médicos (3,23%). Este tipo de accións serven para axudar en momentos puntuais a familias ou persoas que precisan cubrir algunha das súas necesidades básicas e non teñan posibilidades económicas.

A edil tamén deu conta das prazas dos centros de días municipais, 65 nas instalacións do Antonio Gandoy e 30 concertadas. Do total, 77 prazas están ocupadas por mulleres e 18 por homes. Polo que respecta ao servizo de axuda no fogar foron 278 as persoas beneficiarias por libre concorrencia.

A Concelleira tamén tamén falou sobre o programa de Xantar no Fogar, un servizo que tivo un total de 70 usuarios e usuarias; así como das persoas usuarias dos pisos de acollida, 11 mulleres e 13 menores, nos que no pasado ano ingresaron 8 mulleres e 7 menores, procedendo do ano anterior 3 mulleres e 6 menores. A porcentaxe media de ocupación deste servizo foi de máis do 93%. O perfil medio das usuarias era o dunha muller de Lugo, menor de 35 anos, solteira, sen estudos, en situación de desemprego ou amas de caso, con denuncias e ruptura da convivencia. Na Casa da Muller, entre o día 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017, atendéronse 3.362 consultas e abríronselle expediente a 283 mulleres. A maioría das consultas estaba relacionada coa atención a vítimas violencia de xénero, seguidas de asesoramento xurídico.

Na xuntanza tamén se deu conta da programación de animación socicultural, no que se refire ao total de solicitudes de adultos e nenos e nenas, que se celebran nos centros de convivencia do Concello e na zona rural. Así mesmo, tratouse a programación de verán, de Nadal e as excursións da zona rural que tiveron lugar ao longo do 2017.

En Educación Familiar, atendéronse 1.414 persoas, 793 mulleres e 621 homes. Destaca a atención á infancia, seguida de minorías étnicas, xuventude, persoas inmigrantes e muller. En total intervíronse a 462 persoas menores e 450 familias tiveron intervención directa neste eido dos servizos sociais.

O plan de desenvolvemento xitano, os programas de axuda ao alugamento (140.789€), así como as subvencións a entidades sen lucro (21.443€), a ONGD (12.000€), a persoas con discapacidade física para gastos do transporte adaptado (1.800€) e subvencións por concesión nominativa (253.957€), foron outros dos asuntos que se trataron ao longo da reunión do Consello de Servizos Sociais.

Como conclusión, púxose de manifesto a cada vez máis necesaria sensibilización de que o diferenciador nos servizos sociais non é a orixe nin a nacionalidade das persoas usuarias senón a falta de recursos. Para rematar, a propia edil comprometeuse a diversificar os datos por nacionalidade para deixar de estigmatizar a orixe.

Audio

  • Ana Abelleira, sobre á creación dunha unidade social | Descargar mp3

Noticias relacionadas