O Concello xa cumpre coa xurisprudencia do Constitucional e o Supremo sobre o imposto de plusvalía cando hai venda a perdas

A modificación da ordenanza municipal a raíz dunha sentenza do TSXG non suporá ningún cambio sobre o procedemento que xa se aplica cos administrados, pois, dende hai xa un ano, a entidade local está admitindo a trámite para o seu estudo todos os recursos co fin de devolver o importe cando haxa depreciación dos bens

Xoves, 24 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Por mor dunha recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o Concello de Lugo modificará a ordenanza fiscal que regula o imposto municipal sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana para adaptar os artigos relativos ás plusvalías cando hai vendas a perdas. Porén, a modificación da redacción, na que xa se traballa, suporá unha formalidade a efectos do procedemento que se aplica co administrado porque o Concello xa está estudando desde hai un ano todos os recursos que presentan os afectados contra o imposto de plusvalías cando consideran que non existe un aumento do valor do chan desde que compraron a propiedade ata a súa venda. É dicir, xa cumpre coa xurisprudencia fixada poo Tribunal Constitucional e o Supremo.

 Foi en xullo do 2018 cando o TS aclarou a sentenza do Constitucional e sostivo que o cidadán pode reclamar a plusvalía nos casos nos que os inmobles foran vendidos a perdas e poidan demostralo. É dicir, se un inmoble se vendeu a un prezo superior ao que se adquiriu si debe pagarse pola plusvalía obtida.

 Deste xeito, a sentenza do TSXG ao respecto da ordenanza lucense non anula as plusvalías, senón que sostén que debe modificarse na medida na que se somete a tributación situacións nas que non existe incremento de valor, nin tampouco declara inconstitucional a norma municipal, como asegura o PP, dado que o único organismo con capacidade para facelo sería o Tribunal Constitucional.

Modificación da Lei estatal

O Concello era consciente da necesidade de cambiar a ordenanza, pero estaba á espera da adaptación da Lei estatal de Facendas Locais á sentenza do Constitucional, xa que esta lle trasladou ao lexislador a responsabilidade de configurar a nova regulación legal que permita aclarar que supostos quedan sometidos a tributación por este concepto. Non obstante, nesta espera, o Concello xa comezou a estudar todos os recursos presentados polas plusvalías co fin de devolver o importe cando haxa depreciacións dos bens, máis de 180 ata o momento.

 En todo caso, mentres o lexislativo non modifique a Lei de Facendas Locais, como determinou o Constitucional en febreiro do 2017 e como vén reclamando o municipalismo dende entón, segue habendo un baleiro legal, polo que os concellos están aplicando distintos criterios ao respecto.

Noticias relacionadas