O Concello vén de publicar a lista de persoas admitidas para os Cursos de Primavera Segura

Todas as persoas interesadas poden consultar a lista no taboleiro de anuncios do PIT, na páxina web do Concello www.lugo.gal e na Xefatura de Tráfico

Luns, 23 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo vén de publicar a lista de persoas admitidas e excluídas para os VII Cursos de Primavera Segura, que arrincarán o vindeiro 7 de maio no Parque Infantil de Tráfico. Todos as persoas interesadas poden consultar a lista no taboleiro de anuncios do PIT, na páxina web do Concello www.lugo.gal e na Xefatura de Tráfico. A información tamén está a disposición no Servizo de Información 010.

Trátase duns cursos organizados pola entidade local, xunto á Dirección Xeral de Tráfico, no que nesta edición participarán uns 50 nenos e nenas entres os 8 e 14 anos, que buscan que os máis pequenos adquiran condutas e comportamentos seguros, tanto como peóns como usuarios do transporte público e privado. Así mesmo aprenderán hábitos correctos e seguros tanto en vías urbanas como interurbanas, situacións de tráfico reais, e a importancia da sinalización vertical e horizontal, dos semáforos e do uso do chaleco reflector, o casco ou o cinturón de seguridade, entre outros.

Establécense distintas quendas en función das idades dos cativos e cativas. Un primeiro e segundo turno, do 7 ao 11 de maio e do 14 ao 18 de maio, para os nenos de 8 e 9 anos, un terceiro, do 21 ao 25 de maio para os de 10 e 11 anos, e un cuarto, do 28 de maio ao 1 de xuño, para os nenos de 12, 13 e 14 anos. As actividades desenvolveranse en horario de tarde, entre as 17:00 e as 19:30 horas, e cada grupo, non superior a 15 alumnos, asitirá ao menos durante unha semana seguida recibindo formación teórica e práctica, coa finalidade de achegalos a situacións de tráfico, sen perigo ningún. Agrúpanse coa finalidade de incidir en temas concretos dependendo da idade.

Noticias relacionadas