O Concello ve “intolerable” que Rocío Mosquera poña en dúbida a continuidade do sistema sanitario

González Santín lamenta que a Conselleira “culpe do mal funcionamento da sanidade aos doentes, cando é ela a responsable deste servizo público fundamental” 

“Os lucenses xa sabemos como nos trata esta señora, negándonos a Hemodinámica 24 horas e presentándonos como un privilexio que os lucenses teñamos algo tan necesario como Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA”

Venres, 24 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O edil de Concello e Cidadanía, Juan Carlos González Santín, delegación que engloba a área de sanidade, subliñou este venres que as declaracións da Conselleira Rocío Mosquera, nas que afirmou que o actual sistema sanitario é imposible de asumir debido á falta de alfabetización en saúde dos cidadáns, “son totalmente intolerables”. A Concelleira “culpa do mal funcionamento da sanidade aos doentes, e non se dá conta de que a responsabilidade é dela, que é a que ten que xestionar este servizo público fundamental”. 

En Lugo “estamos acostumados a esto; xa sabemos como trata aos lucenses a conselleira, negándonos a Hemodinámica 24 horas, aquí temos que infartar en horario de oficina, e presentándonos como un privilexio que os lucenses teñamos algo tan necesario como Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA, prestacións que espero estean en funcionamento canto antes”, asegurou Santín. 

Para o concelleiro, “o Partido Popular ten que deixar de tratarnos aos cidadáns como menores de idade. Non somos menores de idade e sabemos utilizar os servizos sanitarios, pero para saber utilizalos hai que telos e que sexan de calidade, cousa que hoxe os lucenses e os galegos non temos”. “Cada día, a Conselleira está a facer máis méritos para dimitir ou ser destituída”, recalcou Santín. 

Audio

  • Declaracións do edil de Concello e Cidadanía, Juan Carlos González Santín | Descargar mp3

Noticias relacionadas