O Concello traballa para cumprir os requirimentos que lle fixo a Xunta o PXOM

Martes, 04 de maio de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo traballa arreo para cumprir os requirimentos da Xunta de Galicia e aprobar definitivamente o PXOM. A Delegada de Urbanismo, María Novo, explicou na súa comparecencia no pleno que “o Concello de Lugo non ten competencia para a aprobación definitiva do PXOM” xa que é a Xunta de Galicia “a única administración competente para facelo”. Novo explicou que “neste momento do procedemento, o Concello só está facultado para incorporar as posibles puntualizacións esixidas polas Consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e de Cultura”.

A Delegada de Urbanismo aclarou que trala Orde na que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas requiriu que o Concello xustificara algúns aspectos do Plan “dende o minuto un, como é a nosa obriga estamos a traballar para que Lugo poida ter un plan xeral, que os cidadáns están necesitando”. Insistiu tamén en que “non nos atopamos ante unha nova aprobación provisional, que se fixo cunha ampla maioría, senón que estamos acatando as esixencias dos informes da Xunta”.

Na súa comparecencia, María Novo, detallou exhaustivamente as xestións feitas ata o de agora coas dúas Consellerías para cumprir os requisitos que lle puxo a Xunta o PXOM de Lugo. Neste sentido salientou que “a colaboración da Xunta ata este momento é totalmente correcta”. E explicou que o PXOM “virá ó Pleno unha vez pechados os últimos flecos con Urbanismo e cando se reciban os informes de Cultura respecto ó Carmen e o PXOM e logo da posterior emisión dos informes que farán logo os servizos técnicos municipais”.

Ademais, a responsable municipal de Urbanismo incidiu en que o PXOM “é un documento coñecido e acordado politicamente, avalado tecnicamente e coñecido polos cidadáns que quixeron velo de primeira man, como ningún outro en Galicia”

A Delegada de Urbanismo lembrou que o PXOM chegou ó Pleno para a súa aprobación inicial “con todos os informes favorables dos técnicos nada menos que de seis servizos do Concello” e foi respaldado “cunha maioría absolutamente cualificada, que ten máis valor xa que foi o resultado do acordo dos dous grupos maioritarios”. Tamén recordou que, por primeira vez, e sen que a lei o esixa, “os cidadáns de Lugo tiveron posibilidade de recibir información dos técnicos durante dous meses sen ningún tipo de limitación, quenes fixeron alegacións recibiron contestación na súa casa e todos os cidadáns teñen acceso ó contido íntegro da Orde da Xunta a través de Internet”.

Neste sentido, María Novo asegurou que “o plan de Lugo é absolutamente coñecido polos responsables políticos e por todos cidadáns que quixeron informarse, conta con todos os avais técnicos e xurídicos, e neste momento, non se está revisando a espaldas de ninguén, senón dando cumprimento a unha orde da Xunta”.

Noticias relacionadas