O Concello traballa na limpeza de solares municipais e no desbroce urbano

Faino co obxecto de evitar que a maleza interfiera no tránsito de persoas e vehículos e co fin de realizar un labor preventivo respecto aos incendios na época do ano de máxima alerta

Daniel Piñeiro, quen supervisou este xoves as tarefas, lembra a obriga dos veciños e veciñas de manter limpas de maleza as súas fincas, tal e como obriga a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia

Xoves, 10 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello traballa na limpeza de solares municipais e no desbroce urbano

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, explicou este xoves as diferentes actuacións de desbroce que o Concello está levando a cabo en distintas zonas da cidade ao longo dos meses de verán, a través de Urbaser, co obxecto de evitar que a maleza interfiera no tránsito de persoas e vehículos e co fin de realizar un labor preventivo respecto aos incendios na época do ano de máxima alerta.

Así, entre as actuacións realizadas recentemente destaca o desbroce no barrio de Albeiros, A Chanca, Castelo, Galegos e Sanfiz, ata onde se desprazou esta mañá o edil, tras acometer, en xuño, o desbroce do entorno do Anxo Carro, do solar do Carril dos Fornos, do barrio do Castiñeiro e de zonas de dentro da Muralla. Posteriormente, os labores de limpeza desprazaranse á Avenida de Madrid, Fontiñas, Xoán Rico Pérez, Fingoi, rúa Pintor Corredoira, rúa Armórica, Augas Férreas e Acea de Olga, entre outros.

A maiores do desbroce de beirarrúas e arcéns dos viais municipais e do Camiño Primitivo en zona urbana, Calfensa e o Plan Mellora Lugo segaron as parcelas municipais dotacionais que na actualidade están sen uso, en zonas urbanizables da Louzaneta ou Garabolos.

Daniel Piñeiro apelou á colaboración cidadá e fixo un chamamento á sensibilidade dos veciños e veciñas para que manteñan limpas de maleza as súas fincas para evitar o risco de incencios, conservando as parcelas nun estado estético que non implique alteración da paisaxe, é dicir, controlando o crecemento da vexetación. Recordou que así o obriga a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Por outra banda, a entidade local tamén está a executar o Plan de Roza das pistas na zona rural. Dito plan arrincou o pasado mes de xullo e prolongarase todo este mes de agosto ata chegar á totalidade das estradas municipais asfaltadas de todas as parroquias.

Audio

Noticias relacionadas