O Concello ten en marcha melloras en vías do rural por máis de 276.000€

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a contratación das actuación do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2018 (115.000€), adxudicará de inmediato as correspondente ao pasado ano (58.200) e tramita as recollidas no Plan Único (103.000€)

Concedida ao IGVS a licenza para obras no número 16 da rúa Carril dos Fornos, na Tinería, despois de catro requirimentos municipais para que efectuase o pago preceptivo

Aprobadas as bases para a selección de 5 socorristas, proceso que o Concello non puido iniciar antes, pois a Xunta non comunicou ata o día 24 de maio a subvención para tal fin de 15.000€, a pesar de tela solicitado en febreiro

A licitación o servizo de vixilancia no Vello Cárcere, por un período dun ano -prorrogable por outros catro- e cun importe anual de 114.989€. O horario será de 8.00 a 00.00 horas

Mércores, 13 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, informou este mércores na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno de que a día de hoxe o Executivo ten en marcha melloras en vías rurais por un importe superior aos 276.000€. Son as seguintes:

-       Plan de Mellora de Camiños Municipais 2018-2019: A Xunta de Goberno aprobou hoxe sacar a contratación por valor de 115.000€ actuacións en Santa Comba (na estrada que vai da LU-546 ao campo de fútbol), Santa María de Bóveda (núcleos de Abeledo e Coeo), Lamas e Calde. Este plan conta con subvención de AGADER.

-       Plan de Mellora de Camiños Municipais 2017-2018: O Concelleiro de Medio Rural avanzou a adxudicación inmediata das obras de acondicionamento do vial de Ferreirós, en Adai, a Ombreiro, que conta cun orzamento de 58.200€.

-       Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2018: O Concello elabora e tramita no marco deste programa financiado pola Deputación a contratación de tres proxectos de melloras viais en Esperante, Camiño do Muíño (Santo André de Castro) e Mazoi por importe de 103.000€.

Este investimento superior aos 276.000€ contribúe a “avanzar na mellora de servizos e infraestruturas das parroquias, e polo tanto, na mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas, un obxectivo central na acción política deste Goberno, que o rural sexa un lugar de oportunidades”, subliñou o voceiro municipal.

Licencia A Tinería

A Xunta de Goberno aprobou tamén na sesión de hoxe outorgar licencia ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a desmontaxe de elementos inseguros e adopción de medidas de seguridade, demolición parcial do edificio e peche de ocos de fachada no número 16 do Carril dos Fornos, no barrio da Tinería. O importe das actuacións é de 14.888,57€ e o prazo de execución de 8 meses. O Concello puido conceder a licencia despois de que o órgano dependente da Xunta pagase as taxas preceptivas, tras catro requirimentos municipais por escrito e varias comunicacións verbais.

Selección de 5 socorristas

O Executivo acordou aprobar así mesmo as bases do procedemento para seleccionar 5 socorristas para a realización de labores de vixilancia e salvamento acuático en áreas recreativas fluviais durante dous meses. O Concello non puido iniciar antes este proceso, pois a Xunta non comunicou ata o día 24 de maio a subvención para tal fin de 15.000€, a pesar de tela solicitado preto de catro meses antes, o 9 de febreiro.

Outro dos asuntos acordados este mércores pola Xunta de Goberno foi a designación do director xeral de Recursos Humanos como novo responsable do contrato do Concello coa empresa Eosa, a encargada dos traballos necesarios para a aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT).

Vixilancia no Vello Cárcere

Por outra banda, o Executivo deu luz verde á incoación dun expediente de modificación do contrato do servizo de cociña, comedor e lavandería para as escolas infantís municipais Serra de Outes e Gregorio Sanz e á licitación do servizo de vixilancia no centro sociocultural do Vello Cárcere, que será por un ano (prorrogable por outros catro) e cun importe anual de 114.989€. O horario do servizo será de 8.00 a 00.00 horas.

Noticias relacionadas