O Concello tampouco terá financiamento da Xunta para o programa Lugo contigo

Mércores, 09 de febreiro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo tampouco recibirá financiamento da Xunta para o programa integrado de emprego Lugo contigo que nos dous últimos anos permitiu a inserción laboral de 63 persoas.

Segundo informaron as Concelleiras de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, que hoxe se reuniron con asociacións sociais, a Xunta tamén negou financiamento ó Concello de Lugo para este programa adicado á persoas que teñen máis dificultades de acceso ó emprego, en especial persoas con algunha discapacidade.

As dúas Concelleiras criticaron o proceder do Goberno galego nun momento no que o paro é a principal preocupación dos cidadáns, un problema que afecta máis aínda a colectivos como os discapacitados.

A negativa da Xunta de Galicia a conceder fondos ó Concello da nosa cidade para desenvolver unha nova edición do programa Lugo contigo prodúcese despois de que tamén denegara subvencións para as escolas obradoiro e os programas de cooperación.

Nos dous últimos anos este programa fora financiado cun total de 215.400 euros e consistiu na elaboración de itinerarios personalizados de emprego co fin de acadar a inserción laboral dos participantes.

O Concello desenvolveu este programa de emprego en colaboración con asociacións de Lugo como ASPNAIS, Asociación de xordos, COGAMI, FADEMGA, AUXILIA, SÍNDROME DE DOWN, FEAFES, etc. E os participantes fixeron prácticas en distintas empresas como Cruz Vermella, Urbaser, Limpiezas domiciliarias lucenses, Calfensa Proyectos, Ingapan, Alalás, Maderas Manuel Villamar ou Arenal Perfumerías.

A primeira das edicións do programa Lugo contigo foi no curso 2008-2009, contou con 55 participantes e acadouse a integración laboral de 24, o que supón o 43,6%. Para levalo a cabo adicouse un presuposto de 72.400 euros.

Na segunda edición, no curso 2009-2010, este programa axudou á inserción de 39 persoas, o 38% dos 103 participantes. Daquela o presuposto foi de 143.000 euros.

Noticias relacionadas