O Concello suprimirá mañá o desvío da N-VI e restablecerase o tráfico no seu traxecto habitual, por riba do novo paso soterrado

Lara Méndez: “O desvío activouse co fin de avanzar nas obras de ampliación e mellora do paso soterrado e a humanización da súa contorna, co fin de mellorar as conexións a pé e en bicicleta desde a trama urbana co Miño”.

Mañá comezará, así mesmo, a reposición da iluminación e do resto de servizos da N-VI e, a continuación, acometerase a renovación da senda peonil.

Martes, 28 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello suprimirá mañá o desvío da N-VI e restablecerase o tráfico no seu traxecto habitual, por riba do novo paso soterrado

O tráfico da Nacional VI quedará restablecido mañá, mércores, no seu traxecto habitual, suprimíndose, deste xeito, o desvío provisional habilitado na marxe esquerda da estrada, en sentido A Coruña, con motivo das obras de renovación do paso soterrado, impulsadas polo executivo de Lara Méndez.

Así o avanzou a rexedora, quen explicou que “tras realizar a proba de carga a semana pasada, a circulación de vehículos retomarase ao longo do día de mañá por encima da nova estrutura recentemente executada, que duplica as dimensións da orixinal”.

O desvío, que se activo en febreiro, desenvolveuse sen problemas a pesar de que é unha estrada cun volume de tráfico elevado, de máis de 25.000 vehículos diarios. O mesmo foi necesario para executar as obras de ampliación e mellora do paso soterrado, así como a humanización da súa contorna, co fin de mellorar as conexións a pé e en bicicleta desde a trama urbana ao Miño, unha das apostas da rexedora a través da estratexia DUSI Muramiñae.

Méndez explicou, ademais, que “a partir de mañá comezarán os traballos de reposición da iluminación e recableado, de tal forma que, a comezos da vindeira semana, poidan estar as luminarias instaladas na súa nova localización”.

Por outra banda, tamén se reporán o resto de servizos na N-VI e o valado, que se levará a cabo coa mesma tipoloxía de peche que o existente, consistente en malla de simple torsión sobre pés dereitos separados 4 metros entre si. A continuación, acometerase a renovación da senda peonil para facela máis cómoda e accesible para os usuarios.

Características do novo paso

A nova estrutura de paso conta cun gálibo horizontal e vertical máis amplos, o que diminuirá o efecto túnel e farao moito máis agradable e seguro para o usuario, con perspectiva de xénero. Neste senso, dobrouse a anchura, pois dos 4,5 metros orixinais pasou a 8, e a altura é máis do dobre, pasando dos 2 metros cos que contaba a estrutura (nos extremos) a 5,3 metros.

Por outra banda, o proxecto tamén contempla a adecuación da senda peonil que conecta a explanada situada ao norte da Nacional ata o hostal San Lázaro, con unión a Calzada da Ponte, un itinerario xa existente que, polas súas características actuais, resulta incómodo para os viandantes, especialmente na época de inverno, ao formarse charcos e zonas de barro.

Para evitar este problema e mellorar a comodidade dos usuarios, levarase a cabo a súa pavimentación, que será adecuada ao tráfico peonil e ciclista, e aceptando o uso ocasional de vehículos. Este pavimento terá acabado en cor ocre ou terra para integrarse na contorna.

O paseo peonil, de 335 metros de lonxitude, terá dous metros de ancho e na zona do terraplén da N-VI contará con murete de 0,5 metros de ancho na marxe dereita, revestido en pedra natural para a súa integración na contorna, para colocación da iluminación e sostemento de terras.

En canto á iluminación, na senda peonil proxéctanse luminarias LED de 50 w sobre báculos de 4,0 m de altura encostados ao carón do camiño e cunha distancia entre os mesmos de 20 metros. Respecto ao paso inferior, cunhas dimensións de 8 x 5 metros e unha lonxitude de só 12 metros, exponse a súa iluminación mediante dous proxectores en disposición cenital centrada, cunha distancia entre eles de 6 metros e equidistantes das saídas.

A renovación e ampliación do paso subterráneo baixo a N-VI enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, da Muralla ao Miño, financiada ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e cuxo principal obxectivo é integrar o Miño na cidade, a través da zona do Carme e conseguir, deste xeito, unha cidade máis verde, sostible e moderna.

Noticias relacionadas