O Concello súmase á iniciativa Tropa Verde, que recompensa as condutas de responsabilidade ambiental

Daniel Piñeiro presentou este proxecto, que consiste en recibir puntos cada vez que se recicle. Estes puntos pódense trocar en www.tropaverde.org por distintos agasallos e premios nos locais colaboradores

Esta iniciativa conta, a día de hoxe, co patrocinio de 40 establecementos do municipio que ofertan preto de 700 recompensas e descontos por un valor de case 5.000 euros

A entidade local premia tamén a reciclaxe nas escolas. Neste caso, terá lugar unha recollida de xoguetes para a súa posterior doazón. Participan 6 centros, que representan 800 alumnos e alumnas

Luns, 28 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello súmase á iniciativa Tropa Verde, que recompensa as condutas de responsabilidade ambiental

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, presentou este luns no Salón de Plenos a iniciativa Tropa Verde, un proxecto que busca fomentar a reciclaxe e a cultura da responsabilidade ambiental entre a cidadanía, e ao mesmo tempo dar pulo ao comercio local. Tropa Verde trátase dun proxecto multimedia, promovido por Teimas Desenvolvemento, mediante o cal, os veciños e veciñas que se rexistren neste proxecto, en www.tropaverde.org e realicen accións responsables ambientalmente, como achegarse ao Punto Limpo, obeterán un cheque que deberán introducir na mesma web, tal e como explicou a Directora Comercial de Teimas, Marta Vázque, quen tamén estivo presente no acto de presentación, xunto á dinamizadora de Tropa Verde, Marta Morán. Ao introducir o código na web, recibiranse puntos que se poderán canxear por descontos e premios en establecementos de comercio e hostalería.

Na presentación, o edil fixo fincapé no matiz de sensibilización desta campaña para concienciar á poboación da importancia da reciclaxe, así como na recuperación e reutilización de residuos, ao tempo que animou á cidadanía a participar e implicarse na adecuada xestión de residuos. 

Esta iniciativa conta co patrocinio de 40 establecementos do municipio que ofertan preto de 700 recompensas e descontos por un valor de case 5.000 euros. Ao punto limpo, como emisor destes cheques, sumaranse os centros de convivencia, que recollerán pilas e tapóns, e o Centro de Sevizos Xerais do Concello.

As recompensas que reciben os bos recicladores inclúense en distintas categorías: hostalería, comercio, cultura, deporte, saúd, infantil e estética. Os establecementos colaboradores, a día de hoxe, son, Manel Sánchez, Paprica, Gravitty Lugo, Deportes Élide, Peluchetes, RitmoLugo, Emepe Papelería, Khimaira, Artes Gráficas Lucenses, Óptica De la torre, Darmha Yoga & Meditacion, La selva de Cler y Gos, Go diva´s, Kids&Us Lugo, Floristería Rose Flor, Casa de Algodón, Foto Josbe, Splash Coffe Park, Floristería Pepa Campo, Aqualife, La Ferretería, Mi madre no me deja, Mercedes Castro, Óptica Lázaro, Ñam Ñam Golosinas, Tótem Cómics, Confitería Conde, Mecos, Tea for two, Taller de Lunas, Cafetería Reina, Cuétame Abalorios, Iria López Beauty, Peluquería Castañal, Topitos, Caricia, Réplika, Bubela Tu Rincón de Belleza, Óptica Reina e O Mercado Street Food. A web irase actualizando segundo se incorporen colaboradores e lugares onde acadar cheques.

Reciclar na escola ten premio

Por outra banda, tamén se puxo en marcha a campaña Reciclar na escola ten premio, para a concienciación ambiental sobre a reciclaxe e a reutilización nos centros educativos lucenses.

Tal e como explicou Marta Morán, a finalidade é incentivar a responsabilidade ambiental nos cativos e cativas, así como nas súas familias, mediante un concurso con diferentes recompensas, contribuíndo así á reducción dos residuos e optimizando a xestión destes. Neste caso, o proxecto implica a recollida de xoguetes para a súa posterior doazón, dato a proximidade das datas de Nadal. A campaña está dirixida a estudantes de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria e os tres premios recaerán naquelas clases que consigan reunir máis xoguetes en bo estado ata o 19 de decembro do 2016. Na campaña participarán un total de 6 centros educativos que representan 30 clases e 800 alumnos e alumnas, A Ponte, Menéndez Pelayo, Cervantes, Casás, Rosalía de Castro e Fingoi. 

Noticias relacionadas