O Concello súmase á Hora do Planeta e apagará este sábado a iluminación ornamental da pasarela Tanxurela e da Casa Consistorial

Lara Méndez: “todas e todos debemos contribuír á defensa do medio ambiente e a salvagardar a saúde do noso planeta porque o que está en xogo é a nosa propia saúde e o benestar dos que máis queremos e das xeracións vindeiras.”

Venres, 25 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello súmase á Hora do Planeta e apagará este sábado a iluminación ornamental da pasarela Tanxurela e da Casa Consistorial

O Concello de Lugo sumarase, un ano máis, á Hora do Planeta, nun xesto simbólico que mantén dende o 2010 e co que, ademais de dar exemplo, quere crear conciencia social sobre a necesidade de conectar e ser máis respectuosos coa natureza.

Así, este próximo sábado, 26 de marzo, apagará entre as 20:30 e as 21:30 horas a iluminación pública da Casa Consistorial e tamén da Tanxurela, reiterando o compromiso da institución pola sostibilidade e coa convocatoria promovida pola organización internacional WWT contra o cambio climático, o maior movemento global neste eido que conta co apoio das Nacións Unidas.

A alcaldesa, Lara Méndez, convida á veciñanza a adherirse á iniciativa cun pequeno gran aceno como apagar a luz unha hora esa tarde, co fin de que “todas e todos contribuïamos á defensa do medio ambiente, unha responsabilidade que nos incumbe e nos afecta, de forma xeral, como sociedade”, afirmou.

“Os concellos, como administración máis próxima á veciñanza, desenvolvemos, ao igual que noutras moitas facetas, un papel clave para impulsar o cambio cara a transición ecolóxica. Por iso, unha vez máis – subliñou a rexedora - queremos facer fincapé na importancia que ten coidar aquilo que nos rodea e salvagardar a saúde do noso planeta porque o que está en xogo é a nosa propia saúde e o benestar dos que máis queremos e das xeracións vindeiras”, destacou Lara Méndez.

Noticias relacionadas