O Concello súmase ao Día Nacional das Linguas de Signos, con diversas actividades na cidade

Ana González Abelleira, Brais Vila e Miguel Pérez presentaron as distintas actividades, entre as que se atopan un percorrido polo casco histórico e a iluminación da Muralla

Martes, 13 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello súmase ao Día Nacional das Linguas de Signos, con diversas actividades na cidade

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e o presidente e o vogal da Asociación de Persoas Xordas de Lugo (ASORLU), Brais Vila e Miguel Pérez, respectivamente, presentaron este martes, no Edificio de Novas Tecnoloxías, as actividades con motivo do Día Nacional das Linguas de Signos, que terá lugar mañá mércores, 14 de xuño.

“O Concello, unha vez máis, colabora en actividades que benefician a igualdade de todas as persoas, como ocorre neste caso, no que se reivindican políticas inclusivas que favorezan a inclusión de todas as persoas independentemente da discapacidade que teñan”, explicou Ana González Abelleira na presentación.

Pola súa banda, Brais Vila presentou, acompañado da intérprete, o manifesto do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas. Tamén fixo un chamamento a toda a cidadanía para que participen nas distintas actividades programadas e agradeceu o apoio do Concello.

Actividades

Dende as 17:00 ás 20:00 horas na Praza Maior haberá distintas actividades lúdicas en lingua de signos e darase información á cidadanía por parte de ASORLU e a Federación de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG).

Posteriormente, ás 21:30 horas, con saída dende diante da Casa do Concello, realizarase un percorrido polas diferentes institucións, finalizando o mesmo na zona da Mosqueira, onde se visualizará a iluminación deste Ben Mundial en cor azul turquesa, que representa esa efeméride.

Noticias relacionadas