O Concello subvenciona o arranxo da Capela do Carme na súa estratexia de posta en valor do patrimonio deste emblemático barrio

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo hoxe un encontro coa Confraría, “coa que colaboramos para protexer esta xoia próxima aos nosos tres Patrimonios da Humanidade”.

A administración local investirá 70.000 euros na intervención, que permitirá actuar no tellado e no illamento exterior para poder protexer “as xoias que contén dos séculos XVIII e XIX”.

A Diócese de Lugo cederá ao Concello o terreo ubicado na traseira do templo, onde se proxectarán accións que permitan dar novos servizos e contribuír á mellora da zona.

Esta actuación complementa outras que se están a desenvolver a través do DUSI Muramiñae como a humanización do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX ou as catas arqueolóxicas.

Mércores, 07 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello subvenciona o arranxo da Capela do Carme na súa estratexia de posta en valor do patrimonio deste emblemático barrio

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou hoxe a Capela do Carme, templo no que urxe unha reparación do seu tellado xa que o seu mal estado pon en perigo a riqueza patrimonial dos séculos XVIII e XIX que atesoura no seu interior.

Acompañada do presidente da Confraría da Virxe do Carme, Antonio de los Ojos, a rexedora anunciou que o Concello subvencionará con 70.000 euros o arranxo total da cuberta, actuación que conlevará, ademais, o cambio da lousa e os canlóns, o illamento exterior e a eliminación das  humidades.

Lara Méndez destacou a importancia da obra para a mellora do templo, “cun significativo valor patrimonial e identitario moi vinculado á historia de Lugo e á historia do Carme, polo que a acción tamén se enmarca no histórico impulso que lle estamos a dar á posta en valor do barrio, no que estamos a desenvolver importantes accións a través do DUSI Muramiñae cara a súa recuperación como espazo de lecer para a cidadanía e como acceso sostible desde a trama urbana á contorna do río Miño”. Entre estas accións, destacou a mellora do Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX ou a realización das catas arqueolóxicas ao lado da Porta Miñá, entre outras.

Neste senso, agradeceu á Confraría, unha das máis antigas do municipio e unha das máis numerosas, con máis de 800 socios, o labor que desenvolven no coidado da Igrexa, capela que está construída xunto á Porta Miñá, a escasos metros dos tres patrimonios da Humanidade que atesoura Lugo: a Muralla Romana, a Catedral e o Camiño Primitivo.

Neste ámbito de colaboración, Lara Méndez sinalou que a Diócese cedeu ao Concello os terreos ubicados na traseira da Igrexa, “o que nos permitirá proxectar accións nos mesmos para mellorar a contorna e ofrecer novos espazos para uso dos e das lucenses”.

A rexedora e o presidente da Confraría subliñaron o alcance destas obras xa que a Capela está no itinerario do Camiño Primitivo e espérase que unha vez que pasen as restricións da pandemia aumente o número de peregrinos durante este ano e o seguinte.

Nesta liña, a Igrexa do Carme atópase no circuíto creado cos primeiros Premios Connexio, unha iniciativa pioneira posta en marcha polo Goberno de Lara Méndez en colaboración co Obispado de Lugo para potenciar o Camiño Primitivo e o turismo a través da fusión da arte sacra e contemporánea. Neste circuíto sitúanse seis igrexas, situadas no Camiño, tanto na zona urbana  como na rural, onde se desenvolven iniciativas artísticas orixinais.

No caso do Carme, a intervención contemporánea se enmarca na riqueza patrimonial que atesoura:

  • Retablo da Virxe do Camiño. O primitivo retablo da virxe do Carme é agora o da Virxe do Camiño, imaxe posiblemente do primeiro terzo do século XVI. É dun corpo e carnarin ou arca poligonal entre estípites, propio do século XVII. O seu respaldo adórnase con entrepanos de placas ovaladas e coa vieira ou cuncha de peregrino, alusiva ao Camiño de Santiago. Remata con escudo do Monte Carmelo.
  • Retablo de san Ramón. O antigo retablo da Virxe do Camiño destinouse en 1763 a san Ramón, imaxe retirada da capela existente na muralla sobre a Porta Miñá. É de estilo barroco e dun corpo sobre a plataforma do altar. O remate está formado por un emblema circular entre volutas e a vieira, con símbolos dos mártires. Foi restaurado en 1828 polo pintor Juan Bernardo Pérez de Castinande.
  • Retablo da capela maior. O 5 de xaneiro de1826 a confraría concertou a construción do retablo maior co mestre de obras, Juan Sánchez, o entallador e escultor lucense Antonio Luaces que fixo os planos. O estilo é greco-romano ou neoclásico e pouco depurado que conserva un gusto barroco. Sobre as portas de acceso á sancristía están imaxes de san Xoán da Cruz e santa Tareixa.
  • Camarín da Virxe. A imaxe do Carmelo de Lugo foi encargada en 1845 á Academia de San Fernando de Madrid. Fíxoa o escultor Francisco Bellver (1812- 1890). No camarín hai quince espellos distribuídos en tres grupos de cinco, en aspa ou sautor, que evocan os misterios gozosos, dolorosos e gloriosos do rosario.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o arranxo na Capela do Carme | Descargar mp3

Noticias relacionadas