O Concello solicita un obradoiro de emprego sobre arqueoloxía para favorecer a inserción laboral e impulsar o Vello Cárcere

Ana Prieto presentou o proxecto, a desenvolver neste novo espazo cultural durante 9 meses. Inclúe a dixitalización en 3D de bens patrimoniais, programación cultural e a creación dun canal cultural

O TIC-Arqueolóxico súmase ás iniciativas impulsadas polo Goberno para fomentar a creación de emprego. Investiu 2,6M€ nos últimos meses entre o Inicia CoWorking, Mellora Lugo, os cursos AFDS, EmpregaTIC e o (Con) trato feito!

Martes, 04 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello solicita un obradoiro de emprego sobre arqueoloxía para favorecer a inserción laboral e impulsar o Vello Cárcere

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, anunciou este martes que o Concello vén de solicitar un obradoiro de emprego á Xunta de Galicia para este ano, o TIC-Arqueolóxico, co obxectivo de investir preto de 224.000 para a posta en valor e comunicación do patrimonio arqueolóxico de Lugo, facilitar a formación de 16 desempregados maiores de 18 anos, encamiñada a acadar coñecementos para a súa posterior inserción laboral e, ao mesmo tempo, impulsar a actividade no recén inaugurado Vello Cárcere, centro que conta precisamente cun espazo dedicado á arqueoloxía.

No acto de presentación, Ana Prieto amosou o compromiso do Goberno local para darlle solución aos máis de 7.600 veciños e veciñas que demandan emprego, a pesar de que o Concello non ten as competencias nesta materia. Deste xeito, o TIC-Arqueolóxico é unha iniciativa máis impulsada por este Goberno para fomentar a creación de emprego, que se xunta aos 2,6 millóns de euros que investiu nos últimos meses, entre o Inicia CoWorking, Mellora Lugo, os cursos AFDS, EmpregaTIC e o (Con) trato feito!. Ademais, amosou a aposta do Concello por impulsar políticas de emprego de calidade, e de facelo ademais en nichos de emprego como son os produtos e a industria cultural.

O Concello rexistrou onte mesmo a petición do TIC-Arqueolóxico, un obradoiro que dá continuidade e supón un valor engadido aos cinco últimos talleres que lle financiou a Administración Autonómica á entidade local (A Memoria da Cidade, Arqueo Lvcvs, Urbs Lvcvs, Cultur@ Lvcvs, que tivo unha inserción laboral do 40%, e o último, que vén de rematar o pasado 31 de marzo, o EmpregaTIC). Todos eles relacionados coa xestión documental, arquivo, dixitalización e catalogación no patrimonio do que é titular o Concello, "do que somos titulares cada un dos 98.134 veciños e veciñas de Lugo", tal e como subliñou Prieto, quen lembrou que se trata dun taller certificado, posto que ao rematar todos os participantes recibirán un certificado de profesionalidade nivel 3 nunha das súas distintas especialidades, Dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais, ou Producción fotográfica.

9 meses e 3 actuacións principais

Segundo a proposta municipal, este obradoiro terá unha duración de 9 meses e desenvolverase no Vello Cárcere. Entre as actuacións principais que se contemplan nas diferentes especialidades formativas a impartir no obradoiro atópase a dixitalización en 3D de bens mobles e inmobles do patrimonio histórico e arqueolóxico do municipio, a elaboración de diversas programacións culturais para desenvolver no Vello Cárcere e a creación dun canal cultural.

O Concello agarda que a Xunta de Galicia manteñan a colaboración dos últimos anos con este obradoiro, cuxa candidatura se prevé resolta nuns dous meses. O obradoiro iniciarase previsiblemente en setembro e rematará en xuño.

Audio

Noticias relacionadas