O Concello solicita fondos ao INEGA para implantar equipos de biomasa en instalacións municipais no recinto da antiga FRIGSA

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto, valorado en máis dun millón de euros, para aspirar a esta nova liña de financiamento

Esta iniciativa responde ao obxectivo do Goberno “de buscar un desenvolvemento equilibrado da cidade, respectuoso co medio e racional, que permita actuar a favor dun urbanismo sostible”

Mércores, 28 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello optará a fondos do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) para implantar unha rede de distribución de enerxía térmica, con equipos de xeración con biomasa, nos edificios municipais no recinto da antiga FRIGSA, tales como a Biblioteca, o Auditorio, o Museo Interactivo da Historia de Lugo ou as duchas do campo de fútbol. Así o anunciou o voceiro municipal, Miguel Fernández, ao rematar a Xunta de Goberno Local na que se aprobou o proxecto redactado polo Servizo de Medio Ambiente para presentar a esta convocatoria confinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia.

Esta nova iniciativa do Goberno responde ao obxectivo “de buscar un desenvolvemento equilibrado da cidade, respectuoso co medio e racional, que nos permita actuar a favor dun urbanismo sostible e un mellor aproveitamento forestal”, asegurou Fernández, quen lembrou a creación hai un ano da área municipal de Desenvolvemento Sostible.

“Aspiramos a esta nova liña de financiamento cun proxecto valorado en 1.035.000 euros posto que unha vez máis somos conscientes de que as diferentes convocatorias, sexan autonómicas, estatais ou europeas, nos permiten realizar investimentos  capaces de mellorar o progreso da cidade”. O INEGA aportará o 75% e o 25% restante o Concello.

Para o voceiro municipal, o proxecto presentado á convocatoria encaixa á perfección coa filosofía e a liña de traballo da xestión municipal, que aposta por un modelo de cidade verde e sostible. Permitirá ademais un aforro mínimo anual ao Concello de 40.000 euros.

Urbanización polígono da Louzaneta
Entre outros asuntos, a sesión deste mércores aprobou definitivamente o refundido do proxecto para realizar a execución subsidiaria das obras de urbanización no polígono 2 Sector SUB-B da Louzaneta-As Areeiras. Cun orzamento de 336.044,93 euros, acometerase a terminación da urbanización, na igualación das cotas das rúas, no alumeado público e en conectar o saneamento, polo que unha vez rematadas permitirá a recepción da urbanización por parte do Concello, dispoñendo os veciños de todos os servizos municipais axeitados. O custo de execución das referidas obras deberá ser asumido pola Xunta de Compensación ou no seu defecto polos propietarios.

Audio

  • Miguel Fernández, voceiro municipal, sobre a solicitude de fondos ao INEGA para implantar equipos de biomasa | Descargar mp3

Noticias relacionadas