O Concello secunda a manifestación en apoio ao sector lácteo e freta un autobús para os veciños que queiran acudir

Representantes municipais participarán na mobilización convocada polas organizacións sindicais agrarias o venres en Santiago

Mércores, 15 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O bus partirá ás 10.00 horas da explanada situada detrás do Anxo Carro. Os interesados poden apuntarse no Servizo de Información Municipal, chamando ao teléfono 010 ou enviando un correo electrónico a 010@concellodelugo.org

O Concello de Lugo secundará a manifestación en apoio do sector lácteo convocada para este venres polas organizacións sindicais agrarias en Santiago de Compostela e fretará un autobús para os veciños que queiran acudir. Así o avanzou o voceiro municipal, Miguel Fernández, que informou de que o bus partirá ás 10.00 horas da explanada situada detrás do estadio Anxo Carro. Os interesados en apuntarse poden facelo no Servizo de Información Municipal, chamando ao teléfono 010 ou 982.29.73.50, ou ben enviando un correo electrónico a 010@concellodelugo.org

Representantes municipais participarán na mobilización, que partirá ás 12.00 horas de Salgueiriño e rematará na Praza da Quintana, onde o xornalista Xabier Fortes lerá un manifesto.

O Concello reforza deste xeito o seu compromiso cun sector “fundamental” para Lugo, tras integrarse na Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego. Miguel Fernández asegurou que “a improvisación e deixamento” do Goberno central e a Xunta ante a desaparición das cotas e en canto á aplicación efectiva do paquete lácteo están abocando ás explotacións de leite a unha “situación dramática”, con prezos “de miseria, que en moitos casos non cobren nin o 50% dos custes de producción, e coa ameaza mesmo de que lles suspendan a recollida do leite”. Deste xeito, o voceiro municipal esixiu “solucións políticas inmediatas” que poñan fin á situación “insostible” que están a vivir os gandeiros.

Piar económico
“Se morre o sector lácteo, morre o rural e esmorecen as cidades”, subliñou Fernández, consciente de que a producción de leite no concello e no resto da provincia “é un dos piares que sustenta a actividade económica” da cidade lucense.

No Concello de Lugo existen máis de 200 explotacións de vacún de leite, que dan emprego directo a unhas 500 persoas. A estes empregos hai que sumarlle os indirectos, como veterinarios, xestorías, venda de maquinaria, empresas de transformación de leite, entre outros.

Noticias relacionadas