O Concello saca a licitación as obras de accesibilidade na Praza Maior, da Soidade e Pío XII por 153.500 euros

A  Xunta de Goberno deu luz verde á contratación destas tarefas, que consistirán na pavimentación e revestimento de solos, así como obras de saneamento, construcción de redes e preparación de terreos

Aprobados o modificado e a licitación de obras suplementarias para avanzar no proxecto rehabilitación do Vello Cárcere

Mércores, 22 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deste mércores aprobou a licitación das obras de accesibilidade e mellora de servizos no centro histórico, concretamente na Praza Maior, da Soidade e Pío XII, por 153.500 euros. Así mesmo, aprobáronse os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexerán na licitación, que se fará por procedemento aberto. Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen avanzou que as tarefas a realizar consistirán na pavimentación e revestimento de solos, así como obras de saneamento, construcción de redes e preparación de terreos. Os traballos teñen un prazo de execución de tres meses.

“Con esta actuación, o Concello quere acabar coas dificultade de mobilidade que supón o empedrado do pavimento existente nas tres prazas emblemáticas da cidade”, subliñou Fernández, ao tempo que destacou que se substituirá o adoquín por baldosa de granito para crear un itinerario que lles permita ás persoas con mobilidade reducida desprazarse por estes emprazamentos. Con estas obras, o Concello tamén aproveitará para dar solución a unha dificultade no saneamento existente ao fondo da Praza Maior.

Estas obras enmárcanse dentro da 13ª fase do acordo para a rexeneración e renovación urbana do casco histórico de Lugo, entre o Concello de Lugo, o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia. O Concello asume o 48% do total, uns 68.000 euros, o Ministerio aporta un 35%, 53.700 euros, e a Xunta faise cargo dun 17%, ao redor de 31.700 euros.

O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello na páxina web www.lugo.gal O prazo de presentación de proposicións será de 26 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP.

En materia de proxectos de accesibilidade na cidade, o Concello acometeu recentemente a sinalización de 43 novas prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida e levou a cabo obras en rúas como a Avenida da Coruña, Caravel, Montevideo, Ronda da Muralla, rúa do Teatro ou Lamas de Prado.

Vello Cárcere
Miguel Fernández informou de que a Xunta de Goberno tomou dous acordos relativos á segunda fase das obras de rehabilitación do Vello Cárcere.

Por un lado, a aprobación do proxecto de modificado de obra para efectos da súa legalización de dúas actuacións, xa realizadas: O reforzo das paredes exteriores do edificio, pois, “sen ben inicialmente se consideraba que todo era de pedra, ao ir facendo as obras detectouse que só a primeira planta era deste material, e as dúas restantes, feitas nunha construcción posterior, son de ladrillo e se atopaban en moi mal estado, polo que non soportarían a estrutura interior”, e a  adecuación do proxecto ao que estaba inicialmente autorizado pola Xunta no que se refire á parte interior da parcela, en concreto ao volume da cafetería, onde se ubican o ascensor, os aseos e a escaleira.

Por outro lado, aprobouse a licitación de obras suplementarias por 108.000 euros e dous meses de prazo de execución, que consisten na colocación dunha barandilla na planta alta do edificio porque non foi posible levantar a cornisa como inicialmente estaba previsto, dado que a estrutura non era de pedra e non era consistente, así como na instalación dunha plataforma elevadora no escenario do auditorio diferente á inicialmente prevista porque un cambio normativo esixe outra estrutura con máis automatismos. Sácase a licitación porque non houbo acordo sobre coa adxudicataria en termos económicos.  

Plan Estratéxico de Subvencións
Tal e como xa dera a coñecer a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, a sesión deste mércores da Xunta de Goberno aprobou o informe memoria do III Plan Estratéxico de Subvencións 2012-2015, a través do que o Concello outorgou 8,2 millóns de euros neste período e que rematou cun grao de execución media do 80%, aínda que próximo ao 100% en áreas como Deportes, Servizos Sociais, Cultura, Xuventude e Plan Urban.

Prórroga servizo de producción e espectáculos
Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno acordou prorrogar o contrato administrativo correspondente ao servizo de produción, apertura e vixilancia para a execución de espectáculos e actividades no Auditorio Municipal Gustavo Freire, así como no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), e en actividades na rúa organizadas pola Concellería de Cultura, entre o Concello e Alenti Soluciones para Eventos S.L. Fíxoo por un período que vai dende o 18 de xuño ao 31 de decembro de 2016, cun orzamento duns 45.000 euros.

Mantemento de aplicacións de xestión municipal
Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno aprobou o procedemento de adxudicación e as claúsulas administrativas particulares para a contratación do mantemento do conxunto de aplicacións de xestión municipal TAO do Concello. Segundo indicou Fernández, farase por procedemento negociado con T-SYSTEMS ITC IBERARIA SAU, “posto que é a única que dispón das correspondentes licenzas para poder dar o servizo”. O contrato terá unha duración dun ano, prorrogable por outro, cun orzamento toal de 172.250 euros.

Cesamento do Asesor Xurídico
Este mércores a Xunta de Goberno aceptou o cese presentado polo xefe da asesoría xurídica. As súas funcións serán realizadas por unha funcionaria mentres non se ocupe a praza, que se cubrirá por libre designación concurso público.

Audio

  • Rolda de prensa trala Xunta de Goberno do voceiro municipal, Miguel Fernández (1) | Descargar mp3
  • Rolda de prensa trala Xunta de Goberno do voceiro municipal, Miguel Fernández (2) | Descargar mp3

Noticias relacionadas