O Concello saca a licitación o servizo de comedor e limpeza nas garderías Luis Soto Menor e María Wonenburguer por 486.740 euros

Para a súa adxudicación teranse en conta melloras nas condicións salariais dos traballadores, como melloras que supoñan un incremento retributivo dos complementos salariais ou outras doutro tipo nas condicións laborais

A Xunta de Goberno deu luz verde á contratación, mediante acordo marco e por lotes, da subministración de produtos de alimentación en xeral, panadería e produtos de limpeza para o Fogar do Transeúnte, cunha media de 1.400 usuarios

Mércores, 14 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deste mércores aprobou a licitación do servizo de comedor e limpeza nas garderías Luis Soto Menor e María Wonenburguer por 486.740 euros para a primeira anualidade, 241.200 para a instalación de Sanfiz e 239.540 para a da Piringalla. Así mesmo aprobáronse os pregos de cláusulas administrativas particulares que rexerán na licitación, que se fará por procedemento aberto e regulación harmonizada. Así o anunciou este mañá en rolda de prensa o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen avanzou que o contrato terá unha duración de 2 anos prorrogable por outros dous. Para a súa adxudicación terase en conta, ademais da oferta económica, melloras nas condicións salariais dos traballadores, como melloras que supoñan un incremento retributivo dos complementos salariais ou outras doutro tipo nas condicións laborais.

Os licitadores deberán estar en posesión da certificación de estar rexistrados como entidades prestadoras de servizos sociais na Xunta de Galicia dentro da Área de Infancia e contar con todas as autorización e habilitación esixidas na Lei 13/2008 de servizos sociais de Galicia.

O anuncio de licitación publicarase no Diario Oficial da Unión Europea, no Boletín Oficial do Estado e no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello na páxina web www.lugo.gal O prazo de presentación de proposicións será de 40 días naturais contados dende a data de envío de anuncio do contrato á Comisión Europea.

No que se refire a melloras nas escolas infantís, un servizo que o Goberno definiu como esencial, o próximo verán, concretamente en agosto, o Concello abrirá as catro garderías por primeira vez, para garantir a conciliación familiar e laboral ao longo de todo o ano. Ademais, nos últimos meses realizáronse actuacións nestas instalacións, como puido ser a instalación de aire acondicionado na de Sanfiz.

Fogar do transeúnte

Na sesión deste mércores, deuse luz verde á contratación, mediante acordo marco e por lotes, da subministración de produtos de alimentación en xeral, panadería e produtos de limpeza para o Fogar do Transeúnte, cunha media de 1.400 usuarios.

O acordo marco terá unha vixencia dun ano podendo prorrogarse por outro período máximo anual. O orzamento será duns 58.700 euros para os tres lotes, 45.400 para o primeiro, 9.500 para o segundo e 3.800 para o terceiro. No lote 1 inclúese alimentación en xeral –non perecedoiros e ovos-, cafés e complementos, conservas de pescado, froitas e vexetais, salsas e produtos frescos. No segundo, subministración de panadería, pan de trigo, barras ou empanadas recheas. E por último, o terceiro inclúe lavalouzas, deterxente, desinfectante de superficies, suavizante, panos, luvas, estropallos, xel de baño e xabón, entre outros. O lote 1 entregarase 3 veces á semana, de luns a venres, o lote 2, todos os días da semana; e o 3, unha vez cada 15 días.

As empresas interesadas terán un prazo de 15 días naturais para presentar as súas proposicións no Rexistro Xeral do Concello, dende a publicación do anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia.

Colaboración asistencia xurídica

A Xunta de Goberno deste mércores aprobou contratar a prestación dun servizo de colaboración coa Asesoría Xurídica Municipal do Concello de Lugo para a representación e defensa en xuízo, baixo a dirección do titular da Asesoría Xurídica. O contrato terá unha duración de 6 meses e o orzamento é de preto de 29.000 euros.

Reclamacións e suxestións

Entre outros asuntos, deuse conta da listaxe de reclamacións e suxestións presentadas no Concello de Lugo dende o derradeiro informe, o día 17 de novembro de 2016. Neste período recibíronse 9 reclamacións e 6 suxestións. As reclamacións responden ás áreas de Atención ao Cidadá (2), Rexistro, Policía Local (2), Medio Ambiente, Augas, Enxeñaría e Zona Rural e as suxestións, a Gabinete de Tráfico (2), Transportes, Parques e Xardíns, Servizos Electromecánicos e Cultura.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre as novas licitacións| Descarga mp3

Noticias relacionadas