O Concello saca a licitación cun presuposto de 127.000 euros a roza de pistas na zona rural que se realizará entre os meses de xuño e agosto

Conclúen as obras do vieiro de Paradai e de Fontiñas que quedarán abertos ó tráfico entre hoxe e mañá

A Xunta de Goberno aproba o estudo de detalle que permitirá agregar dúas parcelas en Bolaño Rivadeneira

Mércores, 13 de maio de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Voceiro

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, anunciou a aprobación hoxe pola Xunta de Goberno Local da apertura do procedemento para a contratación do servizo de roza de pistas das parroquias do concello de Lugo.

O Concello contrata este servizo para levar a cabo os traballos de roza de 700 quilómetros de pistas da zona rural cun presuposto de licitación total de 127.050 euros xa que se establece un prezo máximo por quilómetro de 181,50 euros.

Os traballos de limpeza das pistas realizaranse durante os meses de xuño, xullo e agosto e o contratista deberá dispor simultaneamente dun mínimo de 8 tractores.

O Goberno local tamén aprobou hoxe inicialmente o estudo de detalle para a agregación de dúas parcelas e ordenación de volumetría e estética na rúa Bolaño Rivadeneira, 12-14, incluídas no Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior (PEPRI).

Luis Álvarez destacou a importancia deste acordo que supón un avance para a rexeneración dunha zona do centro da cidade na que agora mesmo hai tres solares baleiros.

Tamén anunciou o Concelleiro de Urbanismo e Medio ambiente que o estudo de detalle, que conta co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, someterase durante vinte días a exposición pública unha vez aprobado inicialmente.

A Xunta de Goberno tamén tomou dous acordos sobre os prazos de execución de distintas obras en marcha. No caso das obras de mellora da rede de saneamento nas rúas Monte Adairo e Monte Pía Paxaro, acordouse a imposición dunha penalidade diaria de 17,71 euros á empresa adxudicataria polo incumprimento do prazo de execución da obra. A dita penalidade diaria aplicarase sobre a demora efectiva que se produza dende o día 28 de febreiro ata a recepción das obras.

Pola contra, no caso da obra de rexeneración de pavimento e renovación de servizos en Ronda de Fontiñas, treito Carril de Caiñós – rúa San Xillao, autorizouse o incremento do prazo de execución da obra ata o 22 de maio, xa que os servizos municipais consideran xustificada a solicitude de prórroga do prazo de execución do contrato presentada pola adxudicataria tendo en conta as circunstancias meteorolóxicas adversas que motivaron un incremento de dúas semanas e pola aparición de canalizacións, descoñecidas ata que se realizou a demolición do pavimento, baixo a beirarrúa que tiveron que ser retiradas por medios manuais.

Luis Álvarez tamén informou de que está previsto que hoxe mesmo remate esta obra de rexeneración de pavimento e renovación de servizos na Ronda de Fontiñas, treito Carril de Caiñós – rúa San Xillao, que supuxo un investimento de 371.149 euros, polo que se prevé a apertura ó tráfico do treito en obras mañá.

O Voceiro do Goberno local tamén lembrou que actualmente está en fase de licitación outro proxecto denominado Abastecemento en Fontiñas, que inclúe a renovación de 1.500 metros de tubaxe nos seguintes treitos: dende rúa San Xillao ata rúa Montirón nas beirarrúas dereita e esquerda, dende rúa San Eufrasio ata o comezo do Parque dos Paxariños na beirarrúa esquerda e dende a rúa Montero Ríos ata o Carril das Frores na beirarrúa dereita. O presuposto de licitación desta actuación ascende a 315.000 euros e o prazo de execución é de catro meses.

Luis Álvarez informou ademais de que hoxe mesmo tivo lugar o acto administrativo de entrega do vieiro de Paradai por parte da UTE adxudicataria da obra á Xunta de Galicia e, se como se espera non se produce ningún atranco, esta vía executada ó abeiro do Plan Paradai quedará aberta ó tráfico de vehículos hoxe mesmo. 

Audio

Noticias relacionadas