O Concello saca a licitación a ampliación do abastecemento de Orbazai, que beneficiará a unhas 80 vivendas

 A Xunta de Goberno aprobou sacar a contratación estas tarefas, cun prazo de execución de 4 meses e un orzamento de 130.000 euros, que chegarán aos lugares de Vilar, O Cabalo, Taboelle, A Torre e Malladeiro

Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno acordou conceder axudas, tanto educativas, sociais como deportivas por 234.200 euros

Dentro do compromiso do Goberno de dotar á Policía Local e Bombeiros, a Xunta de Goberno deu luz verde á contratación para subministro de material para a sala de tiro así como dun vehículo autobomba nodriza para os bombeiros

Mércores, 28 de decembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deste mércores acordou sacar a licitación as obras de ampliación da rede de abastecemento aos lugares de Vilar, O Cabalo, Taboelle, A Torre e a Malladeiro, na parroquia de Orbazai, cun investimento duns 130.000 euros para máis de 2.000 metros de instalación.  

Con esta actuación, que terá un prazo de execución de 4 meses, o Concello dará abastecemento a unhas 80 vivendas e a unhas 240 persoas residentes habituais, sen contar os ocupantes das numerosas segundas residencias existentes nesta zona. Ademais, con estas obras, que se enmarcan no claro compromiso do Goberno por mellorar as dotacións no rural e por garantir a mesma calidade de vida que na cidade, asegurando os mesmos servizos públicos en todo o municipio, a entidade local dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza.

O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello, na páxina web www.lugo.gal. O prazo de presentación de proposicións será de 26 días naturais contados dende a publicación do BOP.

Subvencións
Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno acordou conceder axudas por 234.200 euros. Concretamente, trátase das subvencións destinadas á adquisición de libros de texto e material educativo para o segundo ciclo de educación infantil, por 36.480 euros, das que se beneficiarán 456 familias que recibirán un vale de 80 euros; das de clubs, asociación e entidade deportivas sen ánimo de lucro para a promoción e o fomento do deporte, por 130.000 euros, das que son destinatarios 67 clubs, e das subvencións para persoas con talento deportivo, por 24.000 euros e 57 deportistas beneficiados. Así mesmo, aprobáronse as axudas para asociacións e persoas xurídico-privadas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral e sectorial. O Concello destina 43.700 euros e son beneficiarios 47 colectivos.

Dotación á Policía Local e Bombeiros
Dentro do compromiso do Goberno Local de dotar á Policía Local e Bombeiros, dous servizos básicos tanto para o Concello como para a cidadanía, a Xunta de Goberno deu luz verde este mércores á contratación de subministro de material (blancos de tiro, armario ou simuladores de tiro) e formación para a sala de tiro das instalacións da Policía en Sanfiz, así como dun vehículo autobomba nodriza para os bombeiros. No primeiro dos casos, o orzamento é de 41.700 euros e no segundo, de 346.900 euros.

Mellora Lugo 2016
Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou adxudicar a contratación do servizo de mantemento e conservación de construccións rurais e periurbanas singulares e patrimonais, así como das instalacións deportivas, dentro do Plan Mellora Lugo, posto en marcha polo Concello co dobre obxectivo de fomentar o emprego e realizar traballos de acondicionamento e mantemento de instalacións e zonas públicas, tanto na cidade como no medio rural. Deste xeito Faisgal S.L.U. farase cargo das construccións rurais e Obras e Servizos Lugo S.L..U, das instalacións deportivas, por 72.600 e 78.000 euros, respectivamente.

No tocante a obras no medio rural, o Concello reparará pequenos defectos detectados nas ITE das antigas escolas rurais e naquelas nas que se fan actividades programadas, así como nos lavadoiros, nas fontes públicas e nos cruceiros. Tamén repararán as zonas públicas do Cemiterio Municipal.

Na área deportiva, inclúese a reparación e o mantemento de equipamentos deportivos en liñas de xogo, cubertas e baixantes; repasos de albanelerías e pinturas de locais, acondicionamento das zonas perimetrais, ou a revisión dos equipamentos sanitarios, entre outros.

Urbanización polígono da Louzaneta
Tal e como avanzou Fernández, a Xunta de Goberno deste mércores aprobou a contratación das tarefas para realizar a execución subsidiaria das obras de urbanización no polígono 2 Sector SUB-B da Louzaneta-As Areeiras. Cun orzamento de 336.044,93 euros, acometerase a terminación da urbanización, na igualación das cotas das rúas, no alumeado público e en conectar o saneamento, polo que unha vez rematadas permitirá a recepción da urbanización por parte do Concello, dispoñendo os veciños de todos os servizos municipais axeitados. O custo de execución das referidas obras, que terán un prazo de execución de 6 meses, deberá ser asumido pola Xunta de Compensación ou no seu defecto polos propietarios.

Todas as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas no Rexistro Xeral do Concello nun prazo de 26 días naturais dende a publicación do Boletín Oficial da Provincia.

Noticias relacionadas