O Concello saca de novo a contratación o guindastre

A Xunta de Goberno aprobou a licitación mediante procedemento negociado. Convidará, como mínimo, ás empresas que operen nas cidades de máis de 20.000 habitantes e, aínda que non é obrigatorio, publicará un anuncio no Perfil do Contratante para garantir a máxima difusión e concorrencia

A duración do contrato é dun ano, prorrogable por outro, aínda que estará condicionada ao resultado do expediente de municipalización, podendo resolverse anticipadamente se este conclúe nun cambio do modelo de xestión sen indemnización algunha para o adxudicatario

O prezo é de 540.675,77€ a primeira anualidade, conforme ao estudo económico realizado por Enxeñería, segundo o que serán necesarios 6 conductores a xornada completa e un a xornada parcial, e 5 recepcionistas

Segundo os pregos, o servizo disporá dun guindastre as 24 horas, e doutro con horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00, excepto os días das festas de San Froilán e Arde Lvcvs, e 15 días a maiores (para as ocasións nas que se considere preciso o reforzo), nos que tamén estará as 24 horas

Mércores, 05 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal, Miguel Fernández, informou de que a Xunta de Goberno aprobou este mércores sacar de novo a contratación o servizo de guindastre, despois de que o anterior procedemento quedara deserto. Neste caso, a licitación será mediante procedemento negociado, a proposta do servizo municipal de Contratación, que, no seu informe ao respecto, apela ao artigo 168 da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público, que recolle a posibilidade de aplicar este sistema “para o caso, como é o que acontece, de que non se tivera presentado ningunha oferta e que non se modifiquen substancialmente as condicións iniciais”.

Así, mantéñense as condicións técnicas do contrato e varían tan só nos pregos de cláusulas administrativas as referidas ao procedemento de licitación, que pasa a ser negociado. O prezo é de 540.675,77€ a primeira anualidade, conforme ao estudo económico realizado por Enxeñería, segundo o que serán necesarios 6 conductores a xornada completa e un a xornada parcial, e 5 recepcionistas. Segundo os pregos, o servizo disporá dun guindastre as 24 horas do día, os 365 días do ano, e doutro con horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00, excepto os días das festas de San Froilán e Arde Lvcvs, e 15 días ao ano a maiores (para as ocasións nas que se considere preciso o reforzo), nos que tamén estará as 24 horas.

Pola máxima difusión e concorrencia

Aínda que a Lei non o esixe para un procedemento negociado, por decisión do Goberno co fin de acadar a máxima difusión e concorrencia, o Concello publicará un anuncio de licitación no Perfil do Contratante e remitirá invitacións ás empresas do sector co enlace do anuncio publicado. Convidaranse, como mínimo, ás empresas que operan nas cidades galegas de máis de 20.000 habitantes. O prazo de presentación de propostas será de 40 días naturais contados dende a data da publicación do anuncio de licitación no Perfil do Contratante.

Con este novo paso, o Goberno non fai máis que cumprir a Lei, os informes técnicos e a folla de ruta que sempre explicou con respecto a este servizo: ir a un contrato ponte mentres se leva a cabo o expediente de municipalización.

Contratar o guindastre, tal e como explicou a propia Alcaldesa a finais do pasado ano na comparecencia que ofreceu no Pleno sobre este tema, é unha decisión motivada pola lexislación, pois esta obriga a tramitar os pregos cando un servizo está sen contrato, e tamén polos informes solicitados aos técnicos municipais, por un lado, o da Xefa de Persoal, que acreditou que ninguén na plantilla municipal pode desempeñar as funcións desenvolvidas polos traballadores da empresa do guindastre, e por outro, o do responsable do contrato, o inspector responsable do Gabinete de Tráfico, que afirmou que o Concello debe contar con este servizo con independencia do expediente de municipalización. Neste último caso, o informe di literalmente que o guindastre “é un servizo necesario e indispensable para seguir mantendo a disciplina no tráfico rodado e ao mesmo tempo dar solución a calquera continxencia grave que puidese xurdir, é dicir, garantir a circulación polas vías municipais dos vehículos de urxencias, policía, bombeiros, ambulancias, etc.”

Mostra de que o Goberno ten en conta o expediente de municipalización é que o contrato será dun ano, con opción de prórroga por outro, e que nos propios pregos se establece que, en todo caso, a duración estará condicionada ao resultado do expediente de municipalización, de modo que se este conclúe nun cambio de modelo de xestión antes de que finalice o contrato, este poderase resolver anticipadamente sen indemnización algunha para o adxudicatario.

Municipalización

Con respecto ao expediente de municipalización, o Goberno xa explicou as dificultades para avanzar, relativas á saturación de traballo do funcionariado que debe ocuparse da elaboración dos preceptivos informes, polo que, como tamén avanzou, estes traballos serán externalizados. O voceiro municipal explicou que non se puideron iniciar os trámites para elo ata que non foron aprobados os Orzamentos deste ano, que entraron en vigor en abril, e, feitos contactos con universidades para formalizar o encargo “hai dificultades para encontrar que queira asumilo. De feito, dúas facultades negáronse”.

En alusión ás críticas do PP nas que di que o guindastre é deficitario, Miguel Fernández subliñou que, “se fóra un servizo tan lucrativo como din, teriamos cola para o contrato, cousa que non ocorre”. Pero ademais, “nós non medimos a rendibilidade en termos economicistas, como fan as dereitas, senón en termos sociais”, argumentou.

Demolición na rúa Adolfo Suárez

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou conceder a licenza urbanística para a demolición dunha edificación composta de tres plantas con fronte á rúa Adolfo Suárez, número 50, e catro plantas á rúa do Portiño. O prazo de execución é de 6 meses. 

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a contratación do guindastre | Descargar mp3

Noticias relacionadas