O Concello saca a contratación o servizo de comida no fogar por un importe de 126.024 euros

A Xunta de Goberno deu luz verde ás prorrogas dos contratos para a vixilancia no Parque da Milagrosa, o servizo de produción, apertura e vixilancia no Auditorio Municipal, as actividades do programa Unha escola aberta e a emulsión bituminosa para o mantemento dos camiños municipais

Mércores, 15 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deste mércores aprobou sacar a contratación o servizo de comida no fogar por un importe de 126.024 euros. A duración deste contrato será por un período de dous anos e poderá ser obxecto de prórroga por períodos máximos anuais, sen exceder de catro anos, tal e como explicou o Voceiro municipal, Miguel Fernández, quen sinalou que con este contrato se estima servir un 21.360 menús ao ano e aboaranse os efectivamente realizados.

Prórrogas de contratos
Na sesión deste mércores, deuse luz verde ás prorrogas dos contratos para a vixilancia no Parque da Milagrosa, dende o 1 de decembro de 2016 ata o 30 de novembro de 2017, por un importe anual de 195.639,03 euros; o servizo de produción, apertura e vixilancia para a execución de espectáculos e actividades no Auditorio Municipal Gustavo Freire, entre o 1 de xaneiro e o 16 de xuño de 2017, por un prezo anual revisado de 82.363,18; as actividades extraescolares nos colexios dentro do programa Unha escola aberta, que se realizarán dende o 1 de xaneiro e ata o 23 de marzo de 2017, que ascenden a 57.000 euros; e a emulsión bituminosa para o mantemento de toda a rede de camiños municipais, dende o 4 de xaneiro e ata o 31 de decembro de 2017, por un importe de 38.500 euros.

Escola infantil da Piringalla
A Xunta de Goberno tamén acordou estimar o recurso de reposición interposto contra o decreto polo que se desestima o solicitude de devolución da garantía definitiva presentada e proceder a devolución do aval por importe de 22.183,42 euros constituídos para responder da correcta execución do contrato de obra para a construción da escola infantil no barrio da Piringalla .

Mapas para o PXOM
Ademais, desestimouse o recurso de reposición interposto contra o acordo polo que se aprobaba a contratación dos traballos necesarios para a elaboración dos mapas de perigosidade e risco de inundación necesarios para a aprobación do PXOM de Lugo mediante procedemento negociado. Anteriormente xa se desestimara a paralización deste procedemento.

Noticias relacionadas