O Concello retoma as Xornadas Interxeracionais de Tear

Ana Abelleira presentou a programación, que busca preservar as tradicións ao tempo que se ofrece unha alternativa máis á veciñanza para ocupar o seu tempo de lecer aprendendo novas habilidades

As persoas interesadas nesta actividade, que terá lugar de luns a xoves, dende as 17:30 horas ás 19:00 horas ata o 22 de marzo, poden inscribirse do 5 ao 9 de febreiro, no Centro de Convicencia de  Fingoi

As xornadas, enmarcadas dentro da programación de animación sociocultural, buscan contribuír ao fomento do valor da cultura luguesa, favorecer o coñecemento das tradicións e potenciar as actividades interxeracionais

Xoves, 01 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, presentou este xoves, no Patio do Vello Cárcere, as IX Xornadas Interxeneracionais do Tear, que terán lugar no Centro de Convivencia de Fingoi ata o 22 de marzo. Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro da programación de animación sociocultural que o Concello retoma este ano co obxecto de achegar, tanto a nenas e nenos, como persoas adultas, ben de xeito indiviudual, familiar ou grupal -como máximo 15 persoas-; a tradición do tear e as tarefas relacionadas con esta actividade artesanal, como cardar a lá. Faino coa finalidade de preservar as tradicións ao tempo que se ofrece unha alternativa máis á veciñanza para ocupar o tempo de lecer aprendendo novas habilidades.

Tal e como avanzou a edil, as persoas interesadas nestas xornadas, que terán lugar de luns a xoves, dende as 17:30 horas ás 19:00 horas, poden isncribirse do 5 ao 9 de febreiro, nas propias instalacións municipais de Fingoi. A entidade local ofrece un período de portas abertas, previa inscrición, do 19 de febreiro ao 12 marzo. Unha monitora será a encargada de explicar as técnicas desta tradición, apoiadas por unha canteira de voluntarias, nestes obradoiros; nos que as persoas participantes coñecerán o oficio de tecer e experimentarán co tear, tanto co tradicional como co de alto lizo.

Estas xornadas buscan contribuír ao fomento do valor da cultura luguesa, especialmente entre os máis novos, favorecer o coñecemento das tradicións e potenciar as actividades interxeracionais e o seu valor engadido; así como establecer vínculos de colaboración sociocultural permanentess entre os distintos centros de convivencia do Concello e as persoas usuarias dos mesmos.

Aba Abelleira lembrou que estes obradoiros son dos que, aínda non tendo a demanda máis alta, contan cunha porcentaxe de asistencia ao longo do tempo máis estable, en torno a un 90% nos de adultos, fronte a un 70% de media do resto de actividades dirixidos á mesma poboación. En edicións pasadas participaron cada ano ao redor de 200 persoas.

Audio

  • Ana Abelleira, sobre as Xornadas Interxeracionais de Tear | Descargar mp3

Noticias relacionadas