O Concello rende contas sobre o orzamento do Arde Lvcvs 2016, de 334.500 euros

En cumprimento dun acordo plenario, a Concelleira de Cultura convocou este martes a primeira comisión municipal deste festexo cos cinco grupos da oposición

Martes, 19 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello rende contas sobre o orzamento do Arde Lvcvs 2016, de 334.500 euros

O Concello de Lugo rendeu contas sobre o orzamento do Arde Lvcvs 2016, que se situou nos 334.507,03 euros de gastos e 347.660,61 euros de ingresos. Fíxoo a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, durante a primeira comisión municipal deste festexos que convocou en cumprimento dun acordo plenario adoptado pola Corporación o pasado mes. Na reunión participaron representantes dos cinco grupos da oposición. A festa de recreación histórica atraeu á cidade a máis de 600.000 persoas e supuxo un retorno económico de 12 millóns de euros.

Segundo a información achegada pola edil neste novo exercizo de transparencia do Goberno local, os ingresos (347.660,61€) procederon das seguintes fontes: Concello, 220.000€; Macellum e restaurantes, circo e canon restaurantes, 58.560€; e patrocinadores, 69.100€ (Gadisa, 2.500; Calfensa, 1.000; CC As Termas, 2.000; Tableros Hispanos, 500; Gestagua 7.000; Deputación, 18.000; Urbaser, 3.000; Abanca, 1.500; Seur, 500, e Xunta, 3.000€).

En canto aos gastos (334.507,03€), foron os seguintes: asociacións, 60.000€; espectáculos 176.680,37€; publicidade e folletos, 27.790,90€; e luz, seguridade, son, valos e gradas, 70.035€.

Ademais, a Concelleira de Cultura informou na comisión de que as asociacións elaboraron o seu propio programa, organizando unhas 200 actividades, ao igual que as agrupacións de teatro lucenses, que representaron unhas 25 actuacións. Tamén deu conta de todas as empresas colaboradoras e os importes que achegaron, e dos actos de presentación fóra de Galicia  (en Madrid e Oviedo) para reforzar a promoción do Arde Lvcvs, atraer cada vez a máis xente e avanzar cara a declaración de Interese Turístico Nacional.

Unha das cuestións abordadas foi a posibilidade de establecer un festivo nas datas do Arde Lvcvs. A comisión non tomou ningunha decisión en firme, pero o parecer xeral dos grupos municipais é manter as actuais datas dos festivos. Recoñeceuse así mesmo o importante labor realizado polos empregados municipais do departamento de Xuventude, así como a necesidade de máis persoal no Concello para facer fronte ao gran volume de traballo que esixe a organización, un déficit que “precisamente tratamos de resolver coa creación da dirección xeral de recursos humanos”, subliñou Carmen Basadre.

Noticias relacionadas