O Concello reforza a súa aposta polas competicións deportivas como elemento dinamizador da cidade co XXVIII Tríatlon do Miño

Lara Méndez, Miguel Fernández, Pablo Rivera, Paco Villanueva e José Fernández presentaron este evento, no que se darán cita máis de 200 deportistas o vindeiro domingo

Unha delegación mexicana de atletas que participarán nesta proba, e que se atopan adestrando en Lugo, visitaron esta mañá a Casa Consitorial

Martes, 19 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello reforza a súa aposta polas competicións deportivas como elemento dinamizador da cidade co XXVIII Tríatlon do Miño

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o Deputado de Innovación, Participación Cidadá, Mocidade e Deportes, Pablo Rivera, un representante da Federación Galega de Tríatlon, Paco Villanueva, e un membro da directiva da Asociación Cultural e Deportiva Fefeme, José Fernández, presentaron este martes no Salón de Plenos o XXVIII Tríatlon do Miño, que se celebrará o vindeiro domingo, 24 de xullo. O Concello colabora con esta cita posto que se enmarca dentro da súa aposta polas competicións deportivas como elemento dinamizador da cidade. Ao acto tamén asistiron 5 deportistas mexicanos que participarán nesta proba, e que se atopan entrenando na cidade tras competir esta semana na proba das Series Mundiais de Hamburgo, Crisanto Grajales, Irving Pérez, Claudia Rivas, Rodrigo González e Cecilia Pérez, que viñan acompañados de dous dos seus adestradores.

No acto, a rexedora fixo fincapé na relevancia que acadou este certame deportivo asentado no tempo, e “que queremos que sexa un escaparate histórico, cultural, paisaxístico e gastronómico da nosa cidade”, pois a competición transcorre polos lugares máis emblemáticos e identificativos de Lugo, participando máis de 200 deportistas de distintas nacionalidades. Méndez tamén quixo poñer de manifesto a aposta polo deporte de base que leva facendo ano tras ano o Concello,  “no deporte, en moitas das súas disciplinas, como parte formativa e de crecemneto dos nenos e nenas”.

Durante a presentación, Lara Méndez tamén tivo unhas palabras de apoio para Gómez Noya, que por mor dunha fractura nun brazo non pode participar neste tríatlon. A Alcaldesa asegurou que con este percance de Gómez Noya “perdemos unha medalla en Río pero de seguro que gañamos unha lección de afán de superación dun campión”. Neste senso se reafirmaron todos os participantes nesta presentación así como os deportistas de México, os que lucían unha camiseta de apoio con este deportista que foi 5 veces campión mundial, 9 veces número 1 e 4 veces campión de Europa. No seu lugar, disputará tanto esta proba como as dos Xogos Olímpicos, Vicente Hernández.

Tríatlon, un deporte de moda
“O tríatlon está de moda”, asegurou Pablo Rivera na súa intervención, ao tempo que felicitou á organización pola traxectoria deste campionato, ao que lle augurou moitas edicións máis, coas que seguirá colaborando a institución provincial.

Pola súa banda, Villanueva agradeceu a colaboración “fundamental” do Concello e da Deputación para levar a cabo “unha das probas máis antigas do calendario triatlético do calendario galego e español” e que chega á 28 edición cun cartel de deportistas moi importante.

Probas para pór en valor Lugo
José Fernández incidiu nos aspectos máis técnicos deste certame, que engloba a proba Nada e Corre, non competitiva, para categorías benxamín, alevín e infantil, e a proba popular sprint. A saída de Nada e Corre será ás 09:50 horas. Os cativos e cativas participantes nadarán 150 metros e corrererán outros 500 metros. Dez minutos máis tarde, ás 10:00 horas, está programada a saída da proba popular, ás 11:10 a proba masculina sen tempo de corte, ás 12:20 a proba masculina con tempo de corte e ás 12:30 a proba feminina. A distancia a recorrer son 750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé.

“Con estas probas tratamos de pór en valor os espazos de Lugo, o río, o Camiño Primitivo, por onde vai a transcurrir a carreira en bicicleta, e a Muralla de Lugo, por onde vai a pasar a carreira a pé”, asegurou Fernández.

1.400 euros en premios
O XXVIII Tríatlon do Miño ofrece 1.400 euros en premios, que se entregarán ao redor das 14:00 horas. Os tres primeiros clasificados ou clasificadas de cada categoría recibirán un trofeo, así como 150 euros ao 1º clasificado masculino e feminino, 100 euros ao 2º clasificado masculino e feminino, e 50 ao 3º clasificado. Para os primeiros clubs, tanto masculinos como femininos, haberá un premio de 200 euros. O 1º e 1ª deportistas da provincia recibirá 150 euros. Ademais, todos os que rematen a proba recibirán un agasallo conmemorativo. Na proba Nada e Corre os premios consisten en trofeos para os 3 primeiros de cada categoría e un agasallo conmemorativo para todos os participantes. A recollida de dorsais será na carpa de organización na Praza Maior, de 08:30 a 09:30 horas para a proba Corre e Nada, e de e ata as 10:40 para o resto de probas. As carreiras rexeranse segundo as normativas vixentes do Regulamento Oficial de Competición da Federación Galega de Tríatlon.

Delegación mexicana
A Alcaldesa agradeceulle a participación nesta proba á delegación de deportistas mexicanos que visitaron esta mañá a Casa Consistorial, e desexoulles moita sorte, mentres lles pediu que fagan de embaixadores de Lugo tanto en México coma en tantos outros moitos lugares aos que vaian competir. “Lugo acóllevos con moito cariño e coas portas romanas sempre abertas”, concluíu.

Crisanto Grajales agradeceu o recibimento da Alcaldesa de Lugo e mostrouse orgulloso de participar nesta proba que remata na Muralla, o que cualificou como “un privilexio”.

Multimedia

  • O Concello reforza a súa aposta polas competicións deportivas como elemento dinamizador da cidade co XXVIII Tríatlon do Miño

Noticias relacionadas