O Concello reforza o peso de Lugo no mapa empresarial galego cedéndolle a AJE Galicia un espazo no CEI Nodus para a súa sede

A Alcaldesa destacou a aposta do Goberno polos novos emprendedores e empresarios para crear emprego, e a creación de sinerxias, pois no centro desenvolven a súa actividade outras 5 asociacións e 21 empresas

AJE agrupa a unhas mil empresas en Galicia e máis de 70 na provincia lucense

Sábado, 16 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello reforza o peso de Lugo no mapa empresarial galego cedéndolle a AJE Galicia un espazo no CEI Nodus para a súa sede

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, déronlle a benvida este sábado á Federación Galega de Xoves Empresarios-AJE Galicia ao CEI-Nodus, onde o Concello lle vén de ceder a este colectivo un espazo para implantar a súa sede e desenvolver a súa actividade. Recibiron simbolicamente as chaves do local a presidenta de AJE Galicia, Carmen José, o vicepresidente desta federación e presidente de AJE Lugo, Juan Manuel López Labrada, e o tesoureiro da asociación lucense, Miguel Fernández.

O Concello, explicou a Alcaldesa, consegue “reforzar o peso de Lugo no mapa empresarial galego, e dos novos empresarios da nosa comunidade” coa instalación no CEI de AJE Galicia, unha federación que agrupa a unhas mil empresas na comunidade autónoma e máis de 70 na provincia de Lugo. Esta medida é “froito do gran traballo desenvolvido pola súa presidenta, que non en van é lucense, o que demostra a importancia de estar copando os postos de responsabilidade porque iso significa que indirectamente todos tiramos para a nosa terra”, sinalou a rexedora.

Os xóvenes emprendedores e empresarios “non son o futuro, son o presente”, asegurou Lara Méndez; “debemos apostar pola xente nova, emprendedora, polas ideas, que se materializan despois en proxectos e logo se converten en empresas e postos de traballo”. A Alcaldesa destacou neste senso as posibilidades de crear sinerxias que se abren co funcionamento de AJE no CEI Nodus, pois neste centro desenvolven a súa actividade outras 5 asociacións e 21 empresas. Engadiu así mesmo que este é “o inicio dunha gran e próspera relación” entre o Concello e AJE que se materializará en novos proxectos. De feito, a vindeira semana terá lugar a presentación da gala Joven Empresario, que o colectivo decidiu organizar por primeira vez en Lugo.

Máis visibilidade

Pola súa banda, a presidenta da federación galega de xóvenes empresarios incidiu en que o emprazamento da sede do colectivo en Lugo “vai contribuír á visibilización de Lugo e do emprendemento lucense, que tanto ten que dicir no ámbito galego”. “A sede de AJE Galicia xa pasou por A Coruña e Santiago e cremos que era o momento de visibilizar outros territorios e buscar o equilibro de todo o territorio galego”, afirmou Carmen José, quen agradeceu “a colaboración do Concello, que dende o primeiro momento que plantexamos esta iniciativa nos acolleu”, ademais de avanzar igual que a Alcaldesa que se abre unha liña de colaboración “para visibilizar o emprendemento lucense”.

O presidente de AJE Lugo mostrou o seu agradecemento porque o Concello “nos facilitase implantarnos nestas instalacións, que nos permite aproveitar sinerxias coa federación galega e que os xóvenes empresarios lucenses poidan facer actividades e dispoñer de recursos aquí, sen ter que desprazarse”.

AJE Galicia súmase ás 5 asociacións e 21 empresas que a día de hoxe están instaladas no Centro de Empresas e Innovación do Concello, que, nos seus case 12 anos de vida, prestou asesoramento a máis de 3.000 proxectos e fructificaron unhas 400 empresas, que deron traballo a unhas 500 persoas.

Audios

  • Carmen José, sobre a colaboración do Concello con AJE Galicia |Descargar mp3
  • Lara Méndez, sobre a colaboración do Concello con AJE Galicia |Descargar mp3

 

Noticias relacionadas