O Concello reforza o parque móbil coa adquisición dunha nova pala mixta e un camión de volteo para labores de limpeza e mantemento

A alcaldesa e o edil de Medio Rural coñeceron in situ a nova maquinaria, coa que se busca dar unha rápida resposta ás necesidades dos veciños e veciñas.

Lara Méndez: “Destinamos 120.000 euros para a compra destes vehículos cos que mellorar o servizo de mantemento de infraestruturas no rural e na zona urbana”.

Sábado, 20 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello reforza o parque móbil coa adquisición dunha nova pala mixta e un camión de volteo para labores de limpeza e mantemento

O Concello de Lugo reforzará o seu parque móbil coa adquisición dunha nova pala mixta e un camión de volteo ou dúmper, que servirán para labores de limpeza e mantemento, tanto no rural como na zona urbana do municipio. Así o avanzou a alcaldesa, Lara Méndez, durante unha visita ás instalacións do parque móbil, na que estivo acompañada polo edil de Medio Rural, Miguel Fernández.

Lara Méndez explicou que “destinamos 120.000 euros para a compra destes vehículos cos que buscamos mellorar o servizo de mantemento, limpeza e reparación de infraestruturas públicas no conxunto da nosa cidade, ofrecendo unha resposta máis eficaz e rápida ás necesidades dos veciños e veciñas”.

Por un lado, coa nova pala mixta gañarase en axilidade á hora de limpar cunetas, escavacións, apertura e mantemento de estradas municipais, no ámbito rural. En canto á zona urbana, esta pala servirá para apertura de gabias para a reparación e substitución de tubaxes de fibrocemento e demais fugas de augas.

Así mesmo, tamén se empregará para a retirada de escombros, árbores e demais elementos susceptibles de entorpecer a mobilidade urbana. Mentres que o dúmper servirá para limpeza e mantemento de estradas municipais, como vehículo auxiliar na limpeza de cunetas e, tamén, para o carrexado de áridos.

A rexedora apuntou que “con este investimento melloramos, ao mesmo tempo, a seguridade e saúde dos nosos traballadores e operarios, facilitando as súas labores diarias, facéndoas máis levadías e minimizando os riscos laborais”.

“Ademais, a nosa idea é seguir avanzando na modernización do parque móbil, co obxectivo de reducir ás emisións de CO2 e cumprir os máis estritos requisitos en canto ás emisións de gases contaminantes á atmosfera”, concluíu.

Características dos vehículos

A nova pala mixta conta cun cazo frontal tipo ameixa para carga e descarga de áridos e limpeza e mantemento de pistas municipais, así como cun brazo traseiro extensible e articulado con cazos múltiples para limpeza de cunetas, apertura de gabias e reparación de avarías de augas. O seu prezo total foi de 82.278 euros.

Pola súa parte, o camión de volteo ou dúmper, conta cunha caixa de porteado de áridos, con brazo basculante para limpeza e mantemento de estradas e pistas municipais, así como cunha coitela frontal basculante. O seu prezo foi de 36.995 euros.

Noticias relacionadas