O Concello reforza o apoio a Cruz Vermella cedéndolle unha parcela que lle permitirá homologar cursos de transporte sanitario

Esta nova colaboración súmase á achega municipal de 12.500 euros no 2015 para financiar o mantemento da vivenda de acollida de inmigrantes e emigrantes retornados e o programa de apoio a transeúntes e persoas sen fogar da entidade

Venres, 28 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, anunciou que, reforzando o compromiso e colaboración municipal coa “imprescindible labor” de Cruz Vermella de Lugo, o Concello cederalle unha parcela que permitirá á organización social homologar os cursos de formación que imparte para a obtención do certificado de profesionalidade en transporte sanitario.

A parcela municipal que pasará a usar Cruz Vermella ten unha superficie duns 300 metros cadrados e está situada entre a Avenida de Madrid e a rúa Erín, no entorno da sede da entidade, que deberá ocuparse, tanto da explanación, como do peche perimetral da finca para desenvolver as actividades vinculadas aos cursos formativos. Trátase dunha cesión provisional do terreo, que o Concello poderá recuperar cando precise del para outros fins, comunicándollo con un mes de antelación a Cruz Vermella, que o deixará sen dereito a indemnización.

Esta nova colaboración coa organización solidaria súmase á achega económica de 12.500 euros que o Concello lle concedeu neste 2015 co fin de financiar o mantemento da vivenda de acollida de inmigrantes e emigrantes retornados e o programa de apoio a transeúntes e persoas sen fogar.

Noticias relacionadas