O Concello reforza a colaboración coa Sociedade Protectora de Animais cunha achega económica de 60.000 euros

A Alcaldesa mantivo un encontro con Francisco Javier García Calleja, presidente da entidade, e Alberto Sánchez, membro da directiva

Luns, 06 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo reforza a colaboración e compromiso coa labor da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo facendo neste 2016 unha achega económica de 60.000 euros (25.000 euros máis que o pasado 2015) a través dunha subvención nominativa contemplada nos Orzamentos co fin de financiar a actividade desta entidade sen ánimo de lucro dedicada á recollida, atención, coidados e cesión en adopción dos animais domésticos que foi fundada no ano 1982. Así o avanzou a Alcaldesa, Lara Méndez, con motivo da reunión que mantivo este luns co presidente da Protectora, Francisco Javier García Calleja, e con Alberto Sánchez Álvarez, membro da xunta directiva, co fin de abordar as vías de colaboración abertas entre ambas entidades.

Neste senso, a rexedora subliñou a importancia de apoiar e dar visibilidade ao importante traballo que desempeña a Sociedade Protectora de Animais no coidado de animais abandonados, implicando á cidadanía con iniciativas como a adopción, a acollida temporal ou o voluntariado, pero tamén na súa imprescindible labor de concienciación social para tratar de evitar abandonos de animais.

Na actualidade, a Protectora lucense alimenta diariamente e presta atención sanitaria a máis de 400 cans e a uns 30 gatos, acollidos nas súas instalacións, o que supón un considerable gasto que afrontan coas cotas anuais dos socios e con achegas como a do Concello de Lugo. As persoas interesadas poden colaborar como socio protector, facendo doazóns económicas, adoptando animais das súas instalacións, compartindo parte do seu tempo libre cos animais abandonados ou en actividades programadas pola entidade como voluntario, apadriñando algún dos animais acollidos cun donativo mensual ou a través do Programa de Fogares Temporais de Acollida.

Noticias relacionadas