O Concello reforza a área de emprego para atender as solicitudes do (Con) trato feito!

Faino tras definir como servizo esencial o de emprego, e con motivo de acelerar o estudo das solicitudes presentadas, para proceder á selección das empresas e asociacións que serán beneficiarias deste plan dotado de 1.150.000 euros

Venres, 04 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello reforza a área de emprego para atender as solicitudes do (Con) trato feito!

O Concello de Lugo ven de reforzar a área de emprego para atender as solicitudes do (Con) trato feito!. Deste xeito, procedeu á contratación dun técnico que se incorporou esta semana, tras definir como servizo esencial ao de emprego, e con motivo de acelerar o estudo das solicitudes presentadas, unhas 150, para proceder á selección das empresas e asociacións que serán beneficiarias deste plan dotado de 1.150.000 euros.

Neste momento, unha comisión de valoración está revisando a documentación presentada, co fin de facer un requerimento da que falta, tanto ás empresas como ás asociación solicitantes. Posteriormente, publicarase a lista conxunta de requerimentos de subsanación de defectos e abrirarase un prazo para facelo.

Tras a selección de empresas, arrincará o proceso de selección dos desempregados. As entidades deberán asinar coa traballadora ou traballador un contrato inicial en calquera das modalidades previstas legalmente, por un período mínimo de 12 meses, en xornada laboral a tempo completo ou a media xornada.

Os criterios para a selección de empresas e asociacións beneficiarias do (Con) trato feito! atenden principalmente a criterios sociais, como a continuidade da relación laboral da persoa contratada unha vez rematado o período subvencionable, a aplicación de cláusulas sociais ou de medidas para favorecer a conciliación familiar, a oferta ao contratado de bolsas de estudo, plan de pensións ou seguros médicos, e a contratación de colectivos vulnerables, como parados de longa duración, mulleres, ou maiores de 50 anos.

 (Con) trato feito! contempla dúas liñas de subvencións, unha destinada para empresas, dotada con 920.000 euros, e outra para entidades sen ánimo de lucro, duns 230.000 euros. Para a primeira das liñas, dirixida ás empresas, serán subvencionables o 70% dos custos salariais e de cotización empresarial á seguridade social e para a segunda, asociacións, o 100% dos custos salariais, entendendo que teñen menos capacidade económica. Crearanse ao redor dun cento de empregos.

Noticias relacionadas