O Concello reduce un 20% a débeda só nun ano, mentres mantén o investimento por habitante

A Concelleira de Economía subliña que a radiografía da Conta Xeral do 2014 demostra que a situación económica municipal é “saneada e estable”, e que “é posible combinar contención do gasto e investimento”

O endebedamento financeiro é de 22,5 millóns ao peche do 2014, mentres o investimento por habitante se mantén nos 800 euros, sen aumentar ademais o esforzo fiscal por parte dos cidadáns

O grao de execución sitúase no 70%, nun ano no que se acadou un superávit de 10,7 millóns de euros, e no que o período medio de pago aos provedores é de 14 días, moi por debaixo dos 30 fixados por Lei

Xoves, 27 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, subliñou este xoves que “a radiografía económica que fai a Conta Xeral do 2014 é positiva, pois demostra que o Concello mantén unha situación saneada e estable, froito do bo facer do Goberno, dunha xestión rigorosa e eficaz”, e que é posible “combinar contención do gasto e investimento”. Deste xeito, a edil avanzou que, segundo recolle a Conta Xeral, que se presentará o vindeiro luns na Comisión Especial de Contas e se abordará no Pleno de setembro, só no último exercizo o Goberno reduciu nun 20% a débeda financeira municipal, deixándoa en 22,5 millóns de euros ao peche do 2014, mentres mantén o investimento por habitante en 800 euros, a pesar da mala coxuntura económica, sen aumentar ademais o esforzo fiscal por parte dos cidadáns, que se sitúa nos 600 euros por habitante. É dicir, “o Concello inviste nos cidadáns de Lugo máis do que teñen que tributar, en concreto un 25% máis”, subliñou Prieto, lembrando que os “tributos municipais permaneceron conxelados nos últimos anos”.

A Concelleira engadiu neste senso que, se o Goberno local non consigna máis investimentos “é porque ten as mans atadas debido á regra de gasto que o Goberno do Partido Popular impuxo a todas as administracións públicas, sen ter en conta a súa situación económica, que no caso de Lugo é moi boa”.

Ana Prieto recalcou que o 20% do orzamento de Lugo está destinado a investimento social, manténdose como o primeiro municipio de Galicia e o cuarto de España cun maior gasto neste eido por habitante, ademais de garantir a prestación de servizos e mantemento de todas as instalación sociais, culturais e deportivas, “grazas a unha boa planificación sen que repercuta na carteira dos veciños”.

Lugo está hoxe á cabeza das grandes cidades galegas con menos débeda, tanto en termos absolutos como por habitante, moi por debaixo da Coruña, Santiago, Ferrol e Ourense. Se pechou o 2014 con 22,5 millóns de euros de endebedamento, despois de tres anos sen concertar créditos bancarios, a previsión recollida na Conta Xeral é amortizar 8,1 millóns de euros neste 2015, co que rematará en 14,4 millóns.

Execución e pago a provedores

O grao de execución do orzamento no 2014 sitúase no 70%, nun ano no que se acadou un superávit de 10,7 millóns de euros, e no que o Concello cumpre de novo co obxectivo de estabilidade, é dicir, os gastos non financeiros son inferiores aos ingresos non financeiros, e tamén coa regra de gasto imposta polo Goberno central para as administracións públicas, co que “garantimos a sostibilidade económica do Concello e axustámonos as disposicións da Lei Xeral de Estabilidade Orzamentaria”, indicou Ana Prieto. O Concello sube nos indicadores económicos de liquidez –en case un punto- e solvencia – en 2,5 puntos-.

O prazo medio no que o Concello pagou aos seus provedores no 2014 foi de 14 días, moi por debaixo dos 30 esixidos pola Lei.

Audio

Noticias relacionadas