O Concello reclama que a Xunta asuma as súas competencias na conservación e difusión da Muralla

Venres, 17 de decembro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso, reclamoulle hoxe a Xunta que asuma as súas competencias na conservación e difusión da Muralla de Lugo.

González Dopeso lembrou que é a Consellería de Cultura a titular do monumento e polo tanto a responsable da súa conservación. “É quen ten a competencia e a que debe tomar a iniciativa para impulsar un convenio entre as distintas administracións para velar pola Muralla e non hai convenio desde fai oito anos”, dixo o Concelleiro.

O Concelleiro de Medio Ambiente tamén instou á Xunta a que na nova campaña de promoción turística de Galicia, que acaba de presentar o Goberno Galego, “teña en conta unha das xoias do patrimonio galego que é a Muralla de Lugo, que debe ter a debida promoción”.

Lino González lembrou que, no ano no que se cumpre o décimo aniversario da Muralla como Patrimonio Mundial, o Xacobeo “ninguneou a Lugo e a Muralla e ademais a Xunta non apoiou o programa Lugo1o nin con medio euro”. “A única aportación que fixo, foi a do presidente Feijóo, e iso agradecémolo, na gala final dixo o que nunca dixeron os do PP de Lugo ¡Viva Lugo10!”.

Hospital Xeral

O Concelleiro González Dopeso tamén se referiu á necesidade de que a Xunta non abandone o Hospital Xeral nin ó barrio da Residencia e que atenda a alternativa que propón o Concello de crear unha residencia para asistidos.

“Se o edificio está mal que o arreglen ou que fagan outro”, sinalou Lino González, que se referiu ás declaracións feitas pola Delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, sobre un caso semellante, o dun colexio de Monterroso que deixa de ter uso como equipamento educativo.

Facéndose eco das declaracións da representante da Xunta en Lugo, o Concelleiro pediu que tamén “dinamicen o Hospital vello de Lugo” e “xa que din do colexio de Monterroso que a desafectación do edificio non é automática nin obrigatoria, iso tamén vale para o Hospital xeral”.

Noticias relacionadas