O Concello recibiu máis dun cento de solicitudes para o (Con) trato feito!

Tras rematar o prazo de inscrición, unha comisión de valoración procederá á selección das empresas e asociacións, que se resolverá no prazo máximo dun mes

Mércores, 19 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Máis dun cento de solicitudes recibiu o Concello nos últimos días para o plan de emprego 100% municipal (Con) trato feito!. Así o avanzou este mércores o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen explicou que a entidade local recibiu 73 solicitudes presentadas por empresas e 53 por asociacións. Ademais, entraron 8 fóra de prazo, que rematou o pasado 13 de outubro.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, a Comisión de Valoración procederá á selección das empresas e asociacións, que se resolverá no prazo máximo dun mes. Seguidamente, arrincará o proceso de selección dos desempregados. As entidades deberán asinar coa traballadora ou traballador un contrato inicial en calquera das modalidades previstas legalmente, por un período mínimo de 12 meses, en xornada laboral a tempo completo ou a media xornada

Os criterios para a selección de empresas e asociacións beneficiarias deste plan de emprego, dotado con 1.150.000 euros, atenden principalmente a criterios sociais, como a continuidade da relación laboral da persoa contratada unha vez rematado o período subvencionable, a aplicación de cláusulas sociais nos contratos de traballo do seu cadro de persoal ou que contemple outra melloras que redunde en beneficio do traballador,así como un horario flexible, para favorecer medidas de conciliación familiar, a oferta ao contratado de bolsas de estudo, plan de pensións ou seguros médicos, e a contratación de colectivos desfavorecidos, como parados de longa duración, mulleres, ou maiores de 50 anos

 (Con) trato feito! contempla dúas liñas de subvencións, unha destinada para empresas, dotada con 920.000 euros, e outra para entidades sen ánimo de lucro, duns 230.000 euros. Para a primeira das liñas, dirixida ás empresas, serán subvencionables o 70% dos custos salariais e de cotización empresarial á seguridade social e para a segunda, asociacións, o 100% dos custos salariais, entendendo que teñen menos capacidade económica. Crearanse ao redor dun cento de empregos.

Noticias relacionadas