O Concello recibe unha importante doazón particular de 5.000 libros e un milleiro de documentais e filmes de ficción

Trátase da propia biblioteca do lugués Francisco Álvarez, composta por libros de literatura universal e doutras materias xerais, unha parte deles de interese galego específico, e dun fondo cinematográfico

A rexedora agradeceulle “esta xenerosa doazón, que tan fermoso agasallo lle fai ao pobo de Lugo”, da que unha parte xa está en instalacións municipais

Luns, 10 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello recibe unha importante doazón particular de 5.000 libros e un milleiro de documentais e filmes de ficción

O Concello de Lugo vén de recibir unha importante doazón particular de 5.000 libros e un milleiro de documentais. Trátase da propia biblioteca do lugués Francisco Álvarez Patiño, composta por libros de literatura universal e doutras diversas materias xerais, unha parte dos cales son de interese galego específico, e un milleiro de documentais e filmes de ficción en soporte dixital.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, recibiron hoxe a Álvarez Patiño, quen asinou no Libro de Ouro do Concello, en presenza do coordinador de publicacións do Concello, Darío Xohán Cabana. A rexedora agradeceulle “esta xenerosa doazón, que tan fermoso agasallo lle fai ao pobo de Lugo”, da que unha parte xa está nas instalacións municipais, en concreto no Museo Interactivo da Historia de Lugo, en espera de incorporarse á nova biblioteca municipal, situada na Piringalla.

No caso de que este destino non fose posible nun tempo prudencial, o conxunto dos fondos bibliográficos e cinematográficos será traspasado sen dividir a outra biblioteca pública de Lugo, cidade na que naceu Francisco Álvarez, “desexando que sexa posta á disposición do público na súa integridade”.

Multimedia

  • O Concello recibe unha importante doazón particular de 5.000 libros e un milleiro de documentais e filmes de ficción

Noticias relacionadas