O Concello recibe a estrada LU- 530 entre San Eufrasio e o paseo do Rato coa que se mellorará a seguridade viaria na zona

Trátase dun tramo de 855 metros que posibilitará a construción, neste enclave, dunha rotonda coa que tamén se incrementará a fluidez do tráfico e se erradicará un dos principais puntos negros da capital.

Martes, 09 de febreiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello recibe a estrada LU- 530 entre San Eufrasio e o paseo do Rato coa que se mellorará a seguridade viaria na zona

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asinaba hoxe a recepción do tramo da estrada LU – 530 comprendido entre San Eufrasio e o paseo do Rato, co que o Concello pretende mellorar a seguridade do tráfico na contorna, logo de que o documento fora remitido onte pola Xunta de Galicia.

“O tramo obxecto esta cesión consta dunha lonxitude de 855 metros. Trátase dunha estrada convencional con beirarrúas en ambas as marxes e un carril por sentido, aínda que, por zonas, conta cunha liña de estacionamento. Debido á súa topografía só permitía como única solución a creación dunha glorieta”, lembrou a alcaldesa.

“A última intervención que se fixo nela data do ano 2019, polo que a súa situación é boa, a pesar de que rexistra moito tráfico que emprega esta vía como un corredor norte – sur polo lado leste da cidade por ser este un dos accesos preferentes ao HULA. Polo demais, todas as infraestruturas existentes son de titularidade ou responsabilidade municipal o que significa que non suporá un sobre custo con relación aos seus gastos habituais de mantemento”.

A rexedora sinalou que “esta actuación será transcendental no presente, xa que terá repercusións moi positivas para os desprazamentos e a mobilidade local ao tempo que tamén contribúe a construír o Lugo do futuro no que a funcionalidade, a sostibilidade e o patrimonio deben camiñar da man”, concluíu Lara Méndez.

Durante a redacción do proxecto de obra realizáronse estudos para comparar a situación actual e a alternativa da rotonda, medindo tempos de viaxe, de espera, cola media de vehículos, número de paradas e tempo total das mesmas que agora diminuirán case por completo.

Esta dotación servirá, así mesmo, para eliminar os distintos xiros á esquerda que se teñen que realizar actualmente segundo o itinerario a seguir, e aumentará a distancia de visibilidade, que agorá é inferior á de cruce, o que, en conxunto, mellorará a seguridade viaria nas inmediacións eliminándose, así, un dos principais puntos negros da capital.

Noticias relacionadas