O Concello realizará obras de mellora da accesibilidade en distintas rúas para que a cidade sexa máis accesible

Estas actuacións en diferentes puntos da cidade contan cunha inversión de máis de 40.000 euros e pretenden mellorar a calidade de vida das persoas con mobilidade reducida e favorecer a accesibilidade universal

Venres, 22 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello realizará dende a próxima semana obras de accesibilidade en varias rúas da cidade. As actuacións terán lugar na avenida da Coruña á altura de Garabolos, rúa Montevideo, rúa Camiño Real, Ronda da Muralla, rúa do Teatro, rúa Ánxel Fole, rúa San Fernando, rúa Doutor Gasalla, rúa Centolo, rúa Lamas de Prado e avenida da Coruña á altura da rúa Irmáns Carro.

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, sinalou que “estas actuacións contan cun investimento de máis de 40.000 euros e pretenden suprimir os puntos non accesibles que existen nestas rúas, corrixindo o mal estado do pavimento ou a ausencia de rebaixes nos pasos de peóns”.

As obras comezarán na avenida da Coruña á altura da rúa Irmán Carro e pola zona de Garabolos, para continuar polas rúas situadas fóra do recinto amurallado e rematarán polas rúas do casco histórico.

Deste xeito, preténdese completar itinerarios peonís totalmente accesibles na cidade e enmárcanse dentro da aposta do Concello por mellorar a calidade de vida das persoas con mobilidade reducida e favorecer a accesibilidade universal.

Con estas obras de accesibilidade a Concellería de Educación e Infraestruturas Urbanas dá resposta ás peticións veciñais e ás propostas formuladas polos colectivos sociais e polo propio Gabinete Municipal de Accesibilidade.

Iniciativas de accesibilidade

O Concello ten aprobada a Ordenanza Municipal de Supresión de Barreiras Arquitectónicas e coa que se puxo en marcha un Gabinete Municipal de Accesibilidade, que nos últimos anos permitiu actuar con eficacia para eliminar as barreiras arquitectónicas e adaptar a cidade a todos aqueles que vivan ou visiten o municipio, iniciativas que permitiron que Lugo acadara o Premio Reina Sofía de Accesibilidade Universal.

Recentemente tamén se levou a cabo a sinalización prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, así como outras obras de accesibilidade nas rúas da cidade.

Neste senso, tal como se acordou no último encontro do Gabinete Municipal de Accesibilidade, renovarase o mobiliario urbano e poranse en funcionamento colectores adaptados para persoas con mobilidade reducida.

Ademais o 30 de novembro de 2015, coincidindo co XV Aniversario da Muralla de Lugo como Ben Mundial, púxose en marcha o ascensor da Muralla, que facilita a accesibilidade a este monumento bimilenario.

Noticias relacionadas