O Concello realizará diversas obras na Praza Maior para mellorar a súa estética e accesibilidade

Daniel Piñeiro achegouse ata a zona na que se levarán a cabo estes traballos, unha vez que melloren as condicións meteorolóxicas, valorados nuns 20.000 euros

As obras consisten na remodelación de pavimentos, na aliñación das árbores da especie sophoras, así como no embaldosado e bordillo de granito onde están colocados os bancos da praza

Martes, 13 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello realizará diversas obras na Praza Maior para mellorar a súa estética e accesibilidade

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, achegouse este martes ata a Praza Maior, onde o Concello tiña previsto comezar hoxe as tarefas para mellorar a estética e a accesibilidade desta praza. Piñeiro, quen subliñou que as obras arrincarán unha vez melloren as condicións metereolóxicas, manifestou que estas actuacións enmárcanse dentro das melloras que está realizando o Goberno municipal para manter en boas condicións os espazos públicos de todos os puntos da cidade e do medio rural. Trátase ademais de tarefas que contribúen ao ornato do municipio.

Os traballos, valorados nuns 20.000 euros, consisten na remodelación de pavimentos, na aliñación das árbores da especie sophoras, así como no embaldosado e bordillo de granito onde están colocados os bancos da praza.

Estas melloras de espazos públicos súmanse, por exemplo, á rehabilitación do templete da música da Praza Maior, ou ao arranxo duns 200 bancos en parques e rúas do municipio no que vai de ano, entre outras.

Noticias relacionadas