O CONCELLO QUERE ADICAR OS CARTOS QUE SE CONCEDERAN PARA PROTEXER O EMBLEMÁTICO PARQUE ROSALÍA DE CASTRO A OUTRAS MELLORAS NESA ZONA VERDE

Mércores, 07 de xullo de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo ten solicitado ó Goberno adicar os fondos do FEIL, que foran concedidos para a construcción dun recinto de protección do Parque Rosalía de Castro, a outras melloras nesa zona verde. Segundo informou hoxe o Concelleiro de Zona Rural e Medio Ambiente, Lino González Dopeso, a proposta do Goberno municipal é adicar eses cartos á restauración do monumento de Angel López Pérez, da fonte pequena e á drenaxe e saneamento do parque. O Concelleiro indicou que “se enviou a solicitude ó Ministerio e estamos á espera da contestación”.

Lino González Dopeso explicou que o Concello propuxo este novo proxecto para non perder os cartos que foran concedidos polo FEIL que puxo en perigo a decisión de Cultura, logo de que a Comisión de Patrimonio emitira un informe desfavorable ó proxecto de construcción de elementos de protección do recinto do parque. Aínda que esa decisión foi recorrida polo Concello, González Dopeso explicou que “se foramos como o PP seguro que seguiríamos adiante con esa obra, como fan as CCAA gobernadas polo Partido Popular en temas como a lei do aborto, pero nós somos respectuosos coa lei, e aínda que fixemos o recurso acatamos a norma e non imos perder o tempo falando dalgo que non pode ser”.

O Concelleiro de Zona Rural e Medio Ambiente lembrou que o FEIL “foi aprobado en febreiro, en marzo tiñamos as fichas para mandarlle ó Ministerio, en maio tiñamos os proxectos, en xuño licitámolos” e só falta ver se nos aceptan o cambio dese último proxecto.

González Dopeso considerou que “non é serio” propoñer que eses cartos se adiquen ás rúas afectadas pola treboada do 25 de xuño como fai o voceiro do PP, Jaime Castiñeira, “porque non daría tempo”. E remarcou que llo explicaría a Castiñeira “se fora un cidadán que ignora o funcionamento da administración pero non é este o caso, senon que estamos ante unha información tendenciosa para tratar de gañar uns cantos votos”. “É como se eu digo agora que o diñeiro da viaxe do Papa a adique a Xunta a reparar os danos das treboadas na Mariña ou que adiquen os cartos da Autovía da Costa da Morte, na que hai sobreprezo, segundo parece, a arranxar as estradas en mal estado”, explicou González Dopeso. O Concelleiro tamén indicou que “é ser moi frívolo e moi inconsciente, igual que o é popor que se faga un paso peonil na ponte da NVI onde están traballando máquinas e hai risco para a seguridade das persoas”. “Eso é unha barbaridade o diga quen o diga”, concluiu o responsable de Zona Rural e Medio Ambiente.

González Dopeso lembrou, ademáis, que o Plan Director do Parque Rosalía “que tivo o apoio de todos os grupos” prevé a construcción dunha nova cafetería “porque a actual, que seguramente se fixo co mellor dos propósitos, afecta á maxestuosa entrada do Parque”. Ese proxecto, tamén financiado con diñeiro do FEIL, xa foi licitado e adxudicado . O FEIL tamén financia o muro lindante co paseo Vila de Foz, que “non é un mirador senón a restauración dun dos elementos arquitectónicos máis importantes do parque”. Explicou tamén o Concelleiro, logo de detallar todos os investimentos previstos no emblemático Parque Rosalía de Castro con cargo ó FEIL, que a todas as fontes desta zona verde vaiselles instalar un circuito pechado de auga para podela reutilizar.

Multimedia

Noticias relacionadas