O Concello publica as listas provisionais das bolsas para material escolar do alumnado de educación infantil

As persoas interesadas poden consultar ditas listas no taboleiro de edictos do Concello, na área de Educación, situada no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, e no 010

A entidade local recibiu unhas 629 solicitudes para estas axudas, ás que destina 36.500 euros co obxectivo de colaborar na mellora da calidade educativa e na igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas do municipio

Mércores, 22 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello vén de publicar hoxe as listas provisionais de solicitantes das bolsas para a adquisición de material escolar e didáctico para alumnos e alumnas de educación infantil para o curso escolar 2017-2018, que, como cada ano, concede a entidade local. Trátase dunhas axudas para as que o Goberno destina 36.500 co obxectivo de colaborar na mellora da calidade educativa e na igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas do municipio.

Todos os interesados e interesadas poden consultar ditas listas no taboleiro de edictos das oficinas municipais e na área de educación, no terceiro andar do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra. Tamén poderán consultar se a bolsa lles foi concedida a través do teléfono de atención cidadá 010.

O Concello recibiu unhas 629 solicitudes para estas axudas, que consisten nun vale desconto por un importe de 100 euros con destino á compra de libros ou material escolar nas librerías da cidade. Nesta convocatoria o Goberno incrementou a contía individual, pasando dun importe de 80 euros aos 100 euros, dándose cumprimento ademais a un acordo plenario.

Das solicitudes presentadas, foron aprobadas de xeito provisional, 365. Hai un prazo de 10 días naturais para as alegacións, do 23 de novembro ao 7 de decembro, que se deberán presentar na área de Educación. Posteriormente publicaranse as listas definitivas, e presentadas as certificacións, os beneficiarios das axudas recibirán o seu vale canxeable por material educativo.

Noticias relacionadas