O Concello prorroga a prestación de 25 prazas de centro de día para persoas maiores

Entre as dependencias do Antonio Gandoy e os concertados de Arroupar e Alalás, benefícianse na actualidade deste servizo 131 persoas

Martes, 28 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo prorroga a prestación de 25 prazas de centro de día para a atención de persoas maiores dependentes. Así o avanzou este martes a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, quen adiantou que mañá a Xunta de Goberno aprobará a prórroga ata finais de ano destas prazas a Alalás, por un importe de 47.600 euros. A duración deste contrato, igual que a de todos os de servizos sociais, non vai máis alá do 31 de decembro, porque será entón cando a Xunta deberá clarexar se asume ou non as competencias neste eido.

A edil indicou que con esta medida “o Concello de Lugo aposta polas políticas de Benestar Social e polas persoas máis vulnerables, como o son os nosos maiores, que representan o 20% da poboación do noso municipio”. Neste senso, a Concelleira lembrou que o orzamento para servizos sociais para o 2015 é de 8.220.000 euros, 800.000 euros máis que o pasado ano, sendo Lugo o primeiro Concello de Galicia en investimento social e o cuarto de España.

Nos centros de día aténdense actualmente a 131 persoas, entre as dependencias do Antonio Gandoy, con 50 prazas, e os dous concertados, Arroupar e Alalás. Os usuarios poden estar a xornada completa ou a media xornada. O orzamento contemplado neste 2015 neste ámbito é de máis de 740.000 euros.

Noticias relacionadas