O Concello promove unha campaña de Nadal para todos os públicos, baixo a marca Lugo é Capital, co obxectivo de apoiar o comercio local

Mauricio Repetto presentou as accións que o executivo municipal porá en marcha nas vindeiras semanas para dinamizar as rúas e establecementos da cidade

A campaña inclúe: a decoración de locais comerciais, un globo aerostático, accións de marketing con influencers ou unha plataforma de bonos-regalo

O edil subliñou que “debemos priorizar as compras de Nadal nos establecementos de proximidade, pois mercar no comercio local redunda no beneficio de todos”

Mércores, 02 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello promove unha campaña de Nadal para todos os públicos, baixo a marca Lugo é Capital, co obxectivo de apoiar o comercio local

O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, presentou este mércores a campaña de Nadal do Concello de Lugo, que inclúe diferentes iniciativas e actividades dirixidas a públicos de todas as idades e integradas baixo a marca Lugo é Capital, co obxectivo de dinamizar as rúas e establecementos da cidade, ao tempo que se pon en valor o pequeno comercio de Lugo. Na presentación tamén participaron o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo, Cheché Real.

Neste senso, o edil subliñou que “este ano, máis ca nunca, debemos priorizar as nosas compras de Nadal nos comercios e establecementos de proximidade, pois, deste xeito estaremos contribuíndo a paliar as dificultades que están a sufrir os pequenos comercios da cidade, agravadas pola pandemia. Os comercios locais, ademais de xerar riqueza no municipio, manteñen un número importante de postos de traballo, polo que mercar nestes negocios redunda no beneficio de todos”.

Así mesmo, Mauricio Repetto explicou que “todas as actividades que se van a realizar durante a campaña do Nadal contarán cunha imaxe integrada baixo a marca Lugo é Capital, que se reflectirá na decoración, no material que se entregue, etc. como ferramenta para a unificación do comercio local, buscando así desenvolver unha estratexia de dinamización e posta en valor do pequeno comercio de Lugo”.

Pola súa parte, José María Seijas e Cheché Real agradeceron o compromiso do Goberno de Lara Méndez co comercio e a hostalería local e convidaron a todos os lucenses a consumir nos establecementos de proximidade da cidade para, entre todos, superar o dificil momento que están a atravesar numerosos negocios debido á crise derivada da pandemia de Covid-19.

A campaña promovida polo executivo municipal contempla as seguintes accións:

Decoración de locais comerciais

Ofrecerase a todos os locais comerciais que desexen participar, a posiblidade de inscribirse para que se lles faga chegar un conxunto de elementos ornamentais composto de: unha alfombra vermella de feltro, unha caixa de madeira, un abeto de Nadal e unha flor de Pascua.

Esta iniciativa contempla a subministración do material, a instalación inicial e a recollida cando termine a campaña do Nadal. Os comercios interesados teñen como prazo para solicitar a decoración ata este venres, 4 de decembro, a través da dirección de correo electrónico lugonadal@comerciogalicia.es e a montaxe levarase a cabo ao longo da vindeira semana. Actualmente, preto de 150 establecementos de toda a cidade xa presentaron a súa solicitude

Instalación dun globo aerostático

Entre o 12 de decembro e o 6 de xaneiro instalarase na explanada do Pavillón Municipal de Deportes, situado nas costas do parque, un globo aerostático cautivo, é dicir, sostido por cables e unido ao chan, que se elevará ata unha determinada altura. O horario de voo será entre as 17:30 e 19:30 horas entre semana, e entre as 17:30 e 20:30 horas as fins de semana. A duración de cada viaxe será duns 3 minutos.

Ademais, as persoas que merquen no comercio lucense poderán entrar a participar cos seus tickets de compra no sorteo de pases para unha viaxe no globo. Os grupos serán reducidos e os voos faranse sempre mantendo todas as medidas de seguridade. Paralelamente, na Praza Maior instalarase un photocall cun globo pequeno para que nenos e maiores poidan facerse fotos

Plataforma de bonos-regalo

Con motivo da campaña navideña, procederase a reapertura da plataforma municipal “Abrindo Lugo”, que xa se empregou durante o confinamento para impulsar a compra anticipada en liña. Os consumidores poderán utilizala para comprar bonos-regalo nos comercios e a hostalería local, para o que se requerirá a inscrición previa dos negocios participantes.

O funcionamento da web é sinxelo. Os consumidores poderá atopar unha listaxe de establecementos participantes para comprar algún dos bonos para consumir neles. Unha vez introducidos os seus datos, habilitarase unha pasarela de pago que permitirá abonar o custo do  tícket ou bono, sen ningún tipo de comisión, e finalmente recibirán a confirmación da súa compra

Actividades na Avenida da Coruña, a principal avenida comercial de Galicia

Farase unha decoración específica para esta zona cun abeto de Nadal nunha caixa e unhas figuras decorativas do Nadal.

Ademais, haberá diferentes actividades de animación:

  • Do 7 ao 20 de Decembro (excepto os días 8, 13 e 20 xaneiro) en horario de 17:00 a 20:00 horas, agás os sábados que será de 11:00 a 14:00 horas, un Elfo entregará a todos os nenos e nenas que paseen pola Avenida da Coruña un globo vermello serigrafiado co lema “Lugo é Capital“ en cor branca.
  • Do 21 ao 24 de Decembro en horario de 17:00 a 20:00 horas (día 24 ata as 18:00 horas) Papá Noel estará no seu trono na Praza Menorca recollendo as cartas de todos os nenos e nenas. Ademais, un Elfo será o encargado de colocar aos pequenos/as para que manteñan a distancia de seguridade e senten nunha cadeira para facerse a foto colocada a 2 metros de distancia.
  • Do 28 ao 30 de Decembro e 2, 3 e 4 de Xaneiro en horario de 17:00 a 20:00 horas un Paxe Real recollerá as cartas que os nenos e nenas escriban ás súas Maxestades. As cartas, serán personalizadas, farase un modelo e serán entregadas en cada comercio participante para que o propio paxe lle diga aos nenos que vaian ás tendas para cubrilas e logo o busquen pola Avenida para entregarllelas.
  • Ademais destas actividades, todos os xoves un copito de neve terá un posto na Avenida da Coruña onde todas as persoas que compren nos establecementos adheridos á campaña e traian un ticket superior a 10€ (ou varios que sumen esa cantidade) terán dereito a un agasallo para elixir entre: un block de notas do nadal, unha taza, unha bóla do Nadal, ou unha axenda.
  • O 22 de Decembro, día da Lotería de Nadal, haberá un grupo na rúa que nos trasladará á Irlanda antiga coas súas Christmas Carols.

Marketing con influencers e vídeos de apoio ao comercio local

Realizarase unha campaña de márketing coa contratación de varios influencers masculinos e femininos. Neste senso, elaborarase un roteiro con diferentes paradas que inspiren un día de compras en Lugo. A acción incluirá a publicación de post e stories nos Instagram dos influencers contratados e fotografado dos diferentes momentos da campaña tipo “making  off”, así como gravación de vídeos para “Instagram Stories”.

Finalmente, elaboraranse varios vídeos baixo o lema “Queridos lucenses magos”, para buscar que os lucenses, a traves das súas compras, poidan facer “maxia” para que os pequenos comercios e locais de hosteleria non teñan que pechar. Incluirase un vídeo  principar coa carta aos Reis Magos e seis vídeo-cartas dos emprendedores da Tinería pedindo os seus desexos aos “lucenses magos”.

Audio

  • O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, sobre a Campaña de Nadal | Descargar mp3
  • O presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo, Cheché Real, sobre a Campaña de Nadal | Descargar mp3
  • O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, sobre a Campaña de Nadal | Descargar mp3

Noticias relacionadas