O Concello promove a igualdade social a través de diferentes actos en conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano

Ana Abelleira participou nun encontro coa Fundación do Secretariado Xitano que consistiu na lectura dun manifesto e a proxección dun corto de animación para conmemorar o Día Internacional do Pobo Xitano que se celebrará este domingo

A edil sinalou a importancia dos poderes públicos como medio para garantir a igualdade de todos os cidadáns “poñendo en marcha medidas necesarias para reducir as desigualdades sociais”

No acto tamén se presentou a Campaña Lugo Cidade Cero, un proxecto onde todas as persoas teñan as mesmas oportunidades independentemente da súa procedencia, raza ou sexo

Venres, 06 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello promove a igualdade social a través de diferentes actos en conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, xunto a Coordinadora da Fundación do Secretariado Xitano en Lugo, Belén Fernández presentaron os actos en conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano que se celebrará este domingo. A xuntanza, que tivo lugar na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, comezou cunha breve presentación seguido da lectura dun manifesto e a proxección dun corto de animación. En ambos os dous actos tamén estiveron presentes outros membros da Corporación Municipal.

Ana Abelleira destacou que “dende os poderes públicos temos a responsabilidade de garantir a igualdade de todos os cidadáns, poñendo en marcha medidas necesarias para reducir as desigualdades sociais, combater a discriminación e favorecer a participación activa de xitanos e xitanas en todos os ámbitos e espazos da nosa sociedade”.

Belén Fernández anunciou que ata o 30 de abril pódese visitar, na Biblioteca Pública, unha exposición fotográfica do programa Aprender Traballando. “Para nós é moi importante dar difusión a este tipo de proxectos e que todo o mundo vexa á comunidade xitana nun entorno laboral totalmente normalizado”, apuntou.

O 8 de abril celebrarase o Día Internacional do Pobo Xitano e para conmemoralo, este venres, leuse un manifesto no que reivindicaron o apoio e o afecto da sociedade a comunidade xitana que, aínda hoxe, segue a recibir tratos de invisibilidade e desconsideración. Como peche a esta xornada, esta tarde, realizarase un Contacontos ás 18:00 horas no Centro Comercial As Termas.

Nesta liña, a edil, Ana Abelleira, engadiu que “debemos romper coa imaxe social da comunidade xitana que, na cidade de Lugo, componse por 231 familias; prexuízos que moitas das veces xorden por un profundo descoñecemento e que xeran situacións de rexeitamento e discriminación”.

Lugo Cidade Cero

No acto tamén se presentou a campaña Partir de Cero e Lugo Cidade Cero realizada pola Fundación Secretariado Xitano que pretende mostrar as desigualdades que sofre a comunidade xitana. O proxecto componse de dous elementos: un corto de animación e un libro que empregarán nos centros educativos de maneira didáctica. Ambos os dous narran a historia dunha rapaza xitana ata chegar á Cidade Cero, a cidade da igualdade, un lugar onde ninguén parte con desvantaxe. Deste xeito presentouse Lugo como un proxecto de Cidade Cero onde todas as persoas teñan as mesmas oportunidades sen importar a súa procedencia, raza ou sexo.

Audio

  • Ana Abelleira, sobre o Día Internacional do Pobo Xitano | Descargar mp3

Noticias relacionadas