O Concello promociona Lugo en Xantar, o 16º Salón Internacional de Turismo Gastronómico de Ourense

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, participaron hoxe no Día de Lugo que se celebrou dentro do 16º Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, en Expourense.

Venres, 06 de marzo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde, durante a súa intervención no acto institucional, aproveitou para destacar a importancia do turismo gastronómico e para promocionar Lugo e a Galicia interior.

Tamén manifestou López Orozco que “non se pode entender o desenvolvemento de Galicia sen contar coas provincias de Ourense e Lugo”, polo que reivindicou a conexión por autovía entre as dúas cidades, o que permitiría ós lucenses “achegarnos máis a Ourense e, tamén, situarnos moi cerca de Portugal”.

O Concello de Lugo participa no 16º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebra en Expourense dende o día 4 ata o 8 de marzo, para promocionar tanto a gastronomía como a oferta turística da nosa cidade, dando a coñecer os atractivos culinarios, culturais e medioambientais que ofrece Lugo.

Nesta edición de Xantar participan máis de vinte restaurantes procedentes de toda Galicia, entre eles o Mesón de Alberto, de Castela e León e varias rexións turísticas de Portugal ademais de Costa Rica. Durante os catro días ofrécense ós visitantes menús elaborados con produtos autóctonos e de calidade, amparados en Denominacións de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida, e tamén se trata de darlles promoción ós produtos agrogandeiros e do mar.

O programa de actividades inclúe tanto conferencias de expertos como exhibicións de cociña en directo, ademais de catas comentadas e degustacións, cun total de máis de 100 actividades orientadas a profesionais e afeccionados co fin de poñer en valor os produtos saudables e de apostar pola profesionalización do sector.

 

Noticias relacionadas