O Concello presentoulle ó Consello Económico e Social o proxecto de Orzamentos municipais para 2011

Mércores, 01 de decembro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía anunciou que os Orzamentos serán aprobados este venres pola Xunta de Goberno e o día 13 polo Pleno

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, presentaron o proxecto de Orzamentos municipais para 2011 ó Consello Económico e Social, nunha reunión que celebrou no Concello esta entidade, da que forman parte representantes do empresariado, os sindicatos, a Universidade e outras administracións como a Xunta e a Deputación provincial. Tamén asistiron á xuntanza representantes dos grupos políticos municipais.

O Alcalde trasladoulle ós membros do Consello Económico e Social “unha mensaxe de tranquilidade e optimismo sobre a situación económica do Concello de Lugo”, segundo informou a Concelleira de Economía e Emprego nunha rolda de prensa celebrada trala reunión do CES.

Sonia Méndez anunciou que o vindeiro venres a Xunta de Goberno aprobará o proxecto de Orzamentos, que se tratará o xoves, día 9 de decembro, na Comisión especial de Contas, e debaterase no Pleno do día 13 co fin de que entre en vigor nos primeiros días de xaneiro.

A boa situación económica do Concello está avalada, dixo a Concelleira, polos datos que “reflicten que aínda que a situación financeira dos concellos tradicionalmente é preocupante, pero non é así en Lugo”.

Sonia Méndez referiuse ós distintos indicadores que demostran a situación saneada das contas do Concello. Mencionou os pagos a provedores, que se fan antes do prazo ó que obriga a lei contra a morosidade, a existencia de menos débeda a longo prazo agora que no ano 1998, o volume histórico de investimentos feitos grazas ós plans E e Urban, e o superávit que o ano 2009 foi de máis de 5 millóns de euros e no terceiro trimestre deste ano que tamén acabou con equilibrio orzamentario.

Na xuntanza, tamén se explicaron as liñas xerais das previsións orzamentarias de ingresos e gastos e segundo indicou a responsable municipal de Economía, explicouse que as transferencias que recibirá o Concello procedentes do Estado medran un 5,8%, serán 13.225.000 euros mentres que as partidas de participación nos tributos da Xunta conxélanse e son 3.400.000 euros.

A Concelleira considera que iso demostra “o esforzo do Goberno de España nas achegas que fai ós Concellos mentres as aportacións da Xunta son moi inferiores e conxélanse”.

Ademais, o Goberno local deulle conta ó Consello Económico e Social de que no capítulo de gastos séguense mantendo os programas socias “todas as prazas nos Centros de día, que non financia a Xunta, e a axuda no fogar e a dependencia, para a que o Concello ten que poñer un millón de euros máis”.

Por último, informouse de que a loita contra o desemprego segue a ser prioritaria para o Concello, algo que valoraron os representantes sindicais, segundo sinalou Sonia Méndez. Neste sentido, lembrou que a administración local non ten a competencia das políticas activas de emprego pero o Concello de Lugo adica a este fin 130.000 euros do Plan Urban, máis de 300.000 do Plan Piles e prevé acceder a 700.000 euros de fondos europeos, incluídos os máis de 400.000 para o proxecto Muralla dixital presentado onte que dará formación e traballo a 30 desempregados.

Multimedia

Noticias relacionadas